A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo unha reunión este venres co escritor lucense Paco Martín, que dará nome ao centro social e de convivencia da Piringalla, cuxas obras se atopan na fase final.
Lara Méndez subliñou que “Paco Martín é un dos escritores en lingua galega máis recoñecidos e apreciados polo público, unha persoa nobre e humilde, que marcou un fito na historia da literatura ao gañar por primeira vez cunha obra en galego, Das Cousas de Ramón Lamote, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil”.
“Con esta homenaxe queremos que a súa traxectoria perdure no tempo e que o seu legado sirva como referencia para os mozos e mozas lucenses que se están a iniciar no mundo literario ou teñen paixón pola literatura”, engadiu a rexedora.
As obras do centro social, ubicado no barrio da Piringalla, atópanse moi avanzadas e a previsión é que poidan quedar rematadas no vindeiro mes de abril. O Concello destinou máis de 800.000 euros para poñer en marcha este novo centro interxeracional, poñendo fin a unha débeda coa veciñanza da zona, xa que o inmoble, que comezou a construírse no ano 2010, sufriu un parón ao verse inmerso nun proceso xudicial por incumprimento do contratista. No ano 2014, o Pleno da Corporación acordou que este centro levase o nome de Paco Martín.
Deste xeito, a nova infraestrutura contará espacios de usos múltiples, zona infantil, bebeteca, salas de lectura e área de despachos.
Paco Martín, a súa obra
Francisco Martín Iglesias, coñecido como Paco Martín, naceu en Lugo, en 1940. Foi profesor de primaria ata a súa xubilación, no 2000. En 1971 publicou a súa primeira obra, a partir dunha escolma de pequenas pezas narrativas que levou por título Muxicas no espello. En 1975 presenta a súa primeira novela No cadeixo, finalista do Premio Galaxia de novela convocado en 1975 co gallo do 25 aniversario da editorial.
En 1981 publicou a novela E agora cun ceo de lama, pero sería en 1985 coa publicación do libro Das cousas de Ramón Lamote, cando acadaría maior recoñecemento. A obra foi traducida a varios idiomas e con ela acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, en 1986. O seguinte título do autor foi Lembranza nova de vellos mesteres (1988), ao que seguiron Servando I rei do mundo enteiro (1990) e Tres historias para ler á noite (1992). No 2006 publicou A bisneta lercha e, en 2008, unha secuela de Das cousas de Ramón Lamote, titulada Das novas cousas de Ramón Lamote.
Paco Martín tamén foi director do suplemento Axóuxere -Semanario do neno galego, publicado no xornal La Región, de Ourense. Durante sete anos dirixiu o Departamento de Produción de Material Didáctico para o Ensino en Galego da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Foi membro do consello de redacción de A trabe de ouro e columnista nos xornais El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra.