Afundación, a Obra Social de ABANCA, amosará ata o próximo 5 de xuño, na súa Sede de Lugo (praza Maior, 16) a exposición «O noso planeta» que se pode visitar de luns a sábado en horario de 17.30 a 20.30 h.
«O noso planeta» está baseada na recoñecida serie homónima producida por Netflix e que bateu todos os récords de audiencia da súa programación, superando calquera serie ou película da súa carteleira.
Tanto os accesos á Sede Afundación de Lugo como a circulación dentro do espazo expositivo foron adaptados á normativa fixada polas autoridades sanitarias. Así mesmo, os elementos interactivos da mostra adaptáronse para manter o sorprendente efecto visual eliminando as aplicacións táctiles e calquera contacto físico do visitante cos elementos da exposición.
A proposta da Obra Social de ABANCA consiste en presentar unha exposición cuxa visita se concibe como unha actividade experiencial para todos os públicos, na cal a diversidade de formatos e a aprendizaxe son partes fundamentais. Así, a mostra conta nas súas diferentes seccións con elementos interactivos e sorprendentes, como unha recreación do fondo do mar polo que se poderá camiñar de xeito virtual na propia sala, unha curtametraxe animada, LEMON, producida pola Fundación Raíña Sofía, unha mesa de luz con preguntas e respostas sobre sostibilidade, e un audiovisual titulado «Que podo facer eu?» no que se aborda o coidado e o respecto polo ecosistema como unha tarefa tanto individual como colectiva, entre outras propostas novidosas.
Esta mostra incide na importancia do coidado e do respecto cara ao medio ambiente como única vía para unha vida sostible. Seguindo os pasos da serie de Netflix, un proxecto coordinado por Alastair Fothergill e Keith Scholey, a exposición percorre desde as minguantes selvas tropicais ata a sobreexplotada alta mar, ilustrando a destrución sen precedentes da natureza a mans do ser humano, pero dirixindo todas as esperanzas cara á súa incrible capacidade de recuperarse. «Mundos de xeo», «Auga doce», «Pradarías», «Desertos», «Bosques», «Selvas», «Litorais» e «Alta mar» son os oito apartados nos que se reparten as fotografías que compoñen a mostra e a través das que se ilustra a biodiversidade do noso planeta, sempre acompañadas por un texto divulgativo, redactado polos máis importantes especialistas en cada campo desde perspectivas biolóxicas, ecolóxicas ou medio ambientais.