A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu a xuntanza do xurado do XXII Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que anualmente organiza o Concello de Lugo xunto coa colaboración de Edicións Xerais de Galiza. Maite Ferreiro destacou este certame como «unha cita consolidada xa no calendario cultual galego, co que anualmente descubrimos novas historias de gran calidade». A obra Imaxes Roubadas, da viguesa María Dolores Araújo, foi a escollida polo xurado nesta edición, que recibirá un premio de 4.000€ e a obra será publicada por Edicións Xerais de Galiza
O xurado contou con Antía Yañez, Rocío Leira e María Xosefa Senín.
A obra Imaxes roubadas destacou sobre as demais, a xuízo das integrantes do xurado, porque nos descobre un mundo literario paralelo ao artístico. Preséntanos vinte e nove historias ateigadas de sensibilidade e tenrura, cunha linguaxe suxestiva que axuda a organizar o relato, que flúe e en ocasións remata de xeito sorprendente. A diversidade está presente nos seus temas: a soidade, a incomprensión, a sororidade, o amor, o erotismo, o rexeitamento da misoxinia, a denuncia da miseria… O xurado valora positivamente que de once obras de arte do século XX, seis estean realizadas por mulleres, sen esquecer o protagonismo feminino na maioría de relatos. Ademais, a presenza da arte galega é salientable.