Catro compañías universitarias presentarán no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo outras tantas producións artísticas do 13 ao 21 de abril no marco dunha nova edición do Festival de Teatro Universitario, un certame financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural pola USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo que terá como colofón un concerto de Verto. O programa desta xa tradicional cita da vida cultural da cidade amurallada inclúe o obradoiro ‘Da palabra ao canto, do canto á palabra’, impartido por Vicente Fuentes, quen tamén ofrecerá o relatorio ‘A voz polo corpo e a palabra: unha necesidade’, ademais dunha intervención das marionetas elaboradas durante o taller de creación coordinado por Marga Portomeñe.
As vicerreitoras de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo, así como a concelleira e deputada provincial delegada da área de Cultura, Tareixa Ferreiro, presentaron a 27 edición do Festival de Teatro Universitario de Lugo, o marco no que a compañía de teatro USC-Lugo, dirixida por Carmen Conde, estreará a peza de produción propia ‘A Emperadora’. Valcárcel salientou na súa intervención a longa traxectoria e a fonda pegada deixada pola Aula de Teatro da USC ao longo de máis dun cuarto de século. “Os responsables e coordinadores da Aula de Teatro da USC en Lugo e Santiago son os piares do teatro universitario do país”, abundou a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, para logo facer un símil entre o teatro e a esencia universitaria, ao afirmar que “a actividade teatral tamén se asenta sobre tres eixes, como o son formación, investigación e transferencia”. Nesta mesma liña, a deputada provincial Tareixa Ferreiro puxo o foco na dimensión social da programación cultural nada desde a USC. O adxunto á Vicerreitoría de Coordinación de Lugo para Estudantes, Cultura, Internacionalización e Servizos, Jesús Varela Zapata, tamén asistiu ao acto de presentación do festival.
Compañías e calendario de representacións
O elenco de actores afeccionados que dirixe Conde subirán o martes 13 de abril, ás 20.00 horas, o pano tralo que tamén actuarán a Aula de Teatro Universitaria de Ourense ‘Maricastaña’, Teatro El Mayal, da Universidade de León, e compañía de teatro USC- Santiago. A compañía de teatro USC-Lugo tamén ofrecerá este mesmo día, en quenda de mañá, a partir das 12.00 horas, unha función teatral para escolares. A formación ourensá, dirixida por Fernando Dacosta, presentará ao día seguinte no ‘Gustavo Freire’ a obra ‘Imperator’. O grupo leonés Teatro El Mayal presentará en Lugo o 19 de abril ‘Sweet Jane’, unha produción dirixida por Javier R. De la Varga. Ao día seguinte, a compañía compostelá que dirixe Roberto Salgueiro pechará a quenda de representacións do
Festival de Teatro Universitario coa obra ‘A casa da forza 2, 52 – 88’.
As representacións teatrais comezarán todas a partir das 20.00 horas e as persoas interesadas en poder asistir como público poden solicitar de balde xa desde este martes as entradas, a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es . Os aforos de cada función estarán determinados pola normativa sociosanitaria vixente e a reserva de entradas poderá facerse ata as 12.00 horas do día de cada función.
Programación complementaria
O concerto de Verto, unha cita musical programada para o 21 de abril, a partir das 20.00 horas no ‘Gustavo Freire’, que virá precedida dunha breve sesión das marionetas elaboradas no taller impartido por Marga Portomeñe, completan a nova edición dun Festival de Teatro Universitario de Lugo que tamén reserva espazo para a formación a divulgación.
O académico de Artes Escénicas e catedrático emérito da Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid, Vicente Fuentes, impartirá do 15 ao 18 de abril o obradoiro ‘Da palabra ao canto, do canto á palabra’. As sesións deste curso desenvolveranse na Aula de Teatro e Danza do Campus de Lugo (Facultade de Veterinaria) en quenda de 9.00 a 13.00 horas e de 15.00 a 18.30 horas. O número de prazas está limitado a un máximo de 10 participantes. As persoas interesadas poden formalizar xa a súa matrícula a través do enderezo de correo electrónico