Espectáculos para toda a familia en Lugo: nova edición de "O que queda de verán", que achegará a cultura a toda a familia nas tardes dos mércores entre o 18 de agosto e o 8 de setembro.

A nova edición de O que queda de verán achegará espectáculos de circo, teatro e música para público familiar nas tardes dos mércores a partir das 18:30 na Canella do Hospital. A entrada será gratuíta ata completar a cabida.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou esta nova edición que este ano contará con catro espectáculos nas tardes dos mércores entre o 18 de agosto e o 8 de setembro. “Desde a área de Cultura queremos continuar cun ciclo xa consolidado na programación cultural do verán para as nenas e nenos, que ano tras ano é un éxito de acollida entre as familias de Lugo”.

área de Cultura complementa así a programación cultural do verán (ciclo Tarde e Tardiña, a Mostra de Vellos Oficios Artesáns, Muralleando …)

Programación O que queda de verán 2021

Mércores, 18 de agosto, BERGAMOTTO SHOW

PREMIO ZIRKÒLIKA DE CIRCO DE CATALUÑA 2020

PREMIO DO PÚBLICO NO XIIIº ENCONTRO ENTRE PAYASOS DE ZARAGOZA.

Séntense e reláxense. Bergamotto camiña na procura de novas amizades. Humor, fantasía e xogo mestúranse para tocar todos os matices da felicidade – o sorriso, o suspiro, a énfase, a espera, o estupor e a tenrura – e chegar a un público de todas as idades. Espectáculo baseado no humor branco e a improvisación constante coas espectadoras e espectadores.

Mércores, 25 de agosto, NATALIA PAJARITO «ISOLADA»

“A muller nena habita nunha illa afortunada”. Eugenio Granell

Esta é a frase que abre a porta a unha nova aventura, a creación dun espectáculo de clown con poesía que volta á esencia da pallasa, da pallasa como concepto e tamén da pallasa como actriz, dándolle un contexto contemporáneo e onírico.

A chegada dunha pallasa a unha illa, onde sobrevivir é naufragar, e o fracaso unha forma de existir. Unha aventura chea de ilusión, xogo, imaxes. Todo cambia a cada instante, porque con todo se pode xogar, co presente, coa realidade que se vive. A soidade, a ensoñación dun cabaré bailado cun carretillo feito persoa, a aparición dun nativo co que compartir un futuro quizais non desexado. Contradicións eternas do ser humano, instintos básicos, a risa e a poesía como fío entrelazador de historias.

Mércores, 1 de setembro, PATTY DIPHUSA «SUPERHARTE»

Malala Ricoy é unha nova artista de circo galega que logo dun tempo formándose e xirando por diferentes lugares volve cunha interesante proposta. «Superharte» é un show onde esta pequena gran «Hartista» intenta, literalmente, chegar ao máis alto, utilizando para iso todas as habilidades ao seu alcance: bailando, trepando, inchando globos e incluso meténdose dentro deles!

Armada cun humor moi pícaro e moitas ganas de pasalo ben, Patty chega disposta a conquistar os corazóns do público porque como ela di “aos artistas respéctaselles, pero aos pallasos ámasenos”.

Mércores, 8 de setembro, JAM «LE PETIT TÉÂTRE AMBULANT»

Inspirado nos teatros ambulantes da época do Renacemento, onde as comediantes facían as súas representacións en pequenas poboacións de circuítos rurais a onde se desprazaban camiñando ou en carruaxes, JAM crea “Le Petit Théâtre Ambulant”. Un espazo teatral itinerante que realiza unha parada para poder achegar a todas as persoas algúns dos mellores números da compañía JAM. Trátase de números curtos que veñen das artes da rúa e do clown clásico.

A través do humor xestual e da poesía, JAM adéntranos no seu singular universo, que xira en torno á imaxinación, a risa e as emocións, dando a todas as persoas a posibilidade de achegarse á cultura sen a necesidade dun espazo físico concreto.