A terceira edición do programa de intercambio artístico e profesional Camiño Escena Norte achegará, a partir do vindeiro 12 de setembro e até o 10 de outubro, numerosas propostas escénicas de diversas disciplinas e formatos por distintas localidades galegas, entre elas Lugo e provincia.
Baixo o lema Volver camiñar, neste 2021 o programa consolidará a súa ambiciosa proposta de aposta pola creación de proximidade e contará cun total de 11 espectáculos en xira, no marco do programa de exhibición Itinerario Constelacións, e 37 sedes repartidas entre Asturias, Cantabria, Euskadi e Galicia. ademais de incrementar o número de actividades paralelas de mediación arredor dos espectáculos e de encontros co público, cada vez máis amplo e diverso.
No caso de Galicia, o público poderá gozar ao vivo de sete espectáculos que xirarán polas sedes que conforman a rede de produción escénica no territorio, que este ano ascenden a nove logo da incorporación de Melide. Así, Arzúa, Lugo, Melide, Mondoñedo, Negreira, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sobrado dos Monxes e Vilalba acollerán nove funcións das compañías asturianas A66 Producciones (Abre el ojo) e Meraki Cía (Amalgama); das cántabras Anabel Díez / El Tejo Producciones (La casa de Bernarda Alba), Babirusa Danza (La naturaleza del silencio) e La Machina Teatro (Olivia y las plumas); e das vascas Marie de Jongh (Ikimilikiliklik. Mi pequeña) e Ados Teatroa (Lloviendo ranas).
Xunto ás funcións, integradas no Itinerario Constelacións, Camiño Escena Norte espalla a súa actividade coa liña de programación Camiño Expandido, de xeito que as exhibicións se acompañarán de diversas actividades paralelas de mediación arredor dos espectáculos, como obradoiros de contextualización ou de movemento, ademais de encontros coas compañías ao finalizar a función.
Calendario das funcións – web oficial –
A iniciativa conta co apoio económico de gobernos e institucións das catro comunidades autónomas implicadas, así como do Goberno de España a través do Ministerio de Cultura e Deporte e do INAEM, e do grupo Vegalsa-Eroski como patrocinador principal. En Galicia, Camiño Escena Norte conta co apoio destacado da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, ademais da Fundación SGAE, a Deputación de Lugo, a Deputación da Coruña e o Concello de Lugo.