O programa de actividades deseñado polo grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia xunto co colectivo de investigadores Agromar, do Campus Terra, co gallo da Noite europea das persoas investigadoras (G- Night) converteu as dependencias do Vello Cárcere de Lugo nun foro de divulgación
científica no que público de todas as idades tiveron a oportunidade e mesmo de ser protagonistas dalgún dos 15 obradoiros e sesión demostrativas que se desenvolveron.
Este evento de divulgación científica e posta en valor do labor que desenvolven os investigadores comezou cos talleres ‘Xogando a aprender’, dirixido a nenas e nenos de 6 a 9 anos, e ‘O que agochan as células’, para público de 10 a 13 anos. De xeito parello a estas actividades, a G-Night ofreceu á mesma hora no Vello Cárcere de Lugo os obradoiros ‘Experimentos de física’, ‘Loitamos contra o ciberbullying nas redes sociais’ e ‘Sen teatro non ha drama’, dirixidos á mocidade de entre 14 e 18 anos.
As persoas maiores de 16 anos tamén poderon participar en ata catro percorridos científicos, no marco do que diversos investigadores do Campus de Lugo da USC guiarán sesión demostrativas de impresión 3D, fotosíntese artificial, árbores por un tubo ou o peixe cebra como modelo de investigación animal.
Talleres de comunicación con fibra óptica, prestacións que ofrecen os robots á sociedade, trazabilidade animal mediante PCR-Kit DNA Meat ou determinación de proteínas to Kit Fotometrix, ‘SARndbox: un areeiro de realidade aumentada’, ‘A luz – regra do nanouniverso’, ‘Hardware de baixo custo e código aberto para control medioambiental’ ou ‘Fai un iPhone do tempo da pedra’ tamén formaron parte da programación que encheu de espíritu científico á xuventude lucense.