Anime e cinema galego nos Codex Cinema con Belle, de Mamoru Hosoda e Malencolía, de Alfonso Zarauza.
Alfonso Zarauza regresa ás nosas pantallas con Malencolía, un curioso filme de terror no rural galego onde acompañado unha vez máis por colaboradores habituais como Melania Cruz, Xulio Abonjo, Tito Asorey ou Marta Lado.
Zarauza arriscase agora cun filme de terror onde unha parella decide regresar a Galicia para instalarse nunha vila que imaxinaban abandonada, ata que a visión dunha anciá e outros fenómenos difíciles de explicar comezan a provocar unha crise entre eles.
O cinema de xénero serve a Zarauza para falar das relacións amorosas, dos roles dos homes e das mulleres, da intimidade das parellas e tamén na visión de Galicia como lugar idílico ao que volven persoas que fixeron unha vida fora.
Un traballo tecnicamente exemplar que amosa a boa saúde do noso audiovisual, que ven de celebrar a pasada fin de semana a festa dos Mestre Mateo, onde a Academia Galega do Audiovisual decidiu premiar a Malencolía cos galardóns de mellor actriz e actor secundario, para Iolanda Muíños e Diego Anido, respectivamente.
Ademais de Malencolía, os Codex estrean a cinta de animación xaponesa Belle, de Mamoru Hosoda. Este cineasta nipón, un dos máis destacados dentro do anime ten grandes éxitos ás súas costas como Summer Wars, The Wolf Children ou Mirai, das que esta última xa se puido ver en Codex no seu momento.
Con Belle, Hosoda da un enorme salto de calidade cun filme portentoso que recolle elementos das súas obras previas, especialmente a sensibilidade para retratar a intimidade e a imaxinación de nenos e adolescentes, así como as infinitas posibilidades (e os perigos) do mundo virtual.
Así, Hosoda mostra ao mesmo tempo un drama familiar que sucede no mundo real ao tempo que unha espectacular cinta de acción chea de imaxes desbordantes e cores marabillosas que transcorren no mundo de U, unha rede social baseada na realidade virtual onde a protagonista do filme é unha estrela.