O venres 29/04 é o Día Internacional da Danza e o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo en colaboración coa área de cultura do Concello de Lugo programa tres galas de balde para o público no Auditorio Municipal Gustavo Freire:

A primeira gala terá lugar o 25 de abril. Titúlase Historietas xacobeas e contará co estudantado de grao Elemental. O Camiño é o nome escollido para as galas das estudantes de 1º a 3º e de 4º a 6º de Grao Profesional. Terán lugar o 26 e o 27 de abril, respectivamente. Todas as galas comezarán ás 20:30 horas.

Ademáis, as escolas de danza de Lugo (Gravitty, Victoria Gil, Star Dance e O Xeito) farán demostracións e obradoiros na praza maior os días 26, 29 e 30 de abril.

“Desde a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua cremos que a danza ten unha importancia e relevancia maiuscula, e son, de feito, múltiples as programacións e propostas arredor da danza que organizamos ou coas que colaboramos cada ano”, explicou Maite Ferreiro na presentación. 

ENTRADAS

A veciñanza de Lugo poderá asistir a tres galas protagonizadas por alumnas e alumnos do CDAN de Lugo de xeito gratuíto, retirando a entrada previamente no portal entradaslugo.es