A primeira estrea desta semana en Codex é Camila saldrá esta noche, nova longametraxe da directora arxentina Inés María Barrionuevo, seleccionada para concursar na Sección Oficial do Festival de San Sebastián e no Festival Mar de Plata 2021, entre outros.
O filme aborda diversos temas que xeran controversia social en Arxentina a través dunha historia que comeza cando Camila e a súa familia teñen que trasladarse dende La Plata ata Buenos Aires; pasando de estudar nun instituto público liberal a unha institución privada tradicional e relixiosa.
Con Camila saldrá esta noche Barrionuevo lanza unha firme mensaxe feminista a cal considera moi necesaria en Arxentina, un país onde considera que, a pesar de certos avances sociais durante os últimos tempos, aínda hai un longo camiño de progreso que percorrer.
O filme tamén aborda a violencia sexual á que está exposta a muller, no entanto Inés prefiriu non filmar escenas explícitas, “pensámolo moito, parecíame que propoñer un acto que teña que ver co sutil pode ser máis forte”.
Outro tema que se trata na película son as protestas de Marea verde a favor da legalización do aborto, conquista social non acadada durante a rodaxe
do filme pero que foi, por fin, realidade a finais de 2020.
A outra estrea desta semana é Diarios de Otsoga, filme portugués co-dirixido entre Maureen Fazendeiro e Miguel Gomes.
Filmada en agosto de 2020, logo de rematar o confinamento, Diarios de Otsoga supuxo a necesidade de saír desa reclusión para acadar unha liberdade
colectiva, a liberdade da rodaxe.
A propia idea da reclusión como antagonista da liberdade tamén percorre a película, pois as súas tres personaxes pasan o verán nunha casa onde as
pequenas tensións do día a día quedan reflectidas no diario.
Gomes e Fazendeiro tamén xogan coa idea do meta-cine; unha rodaxe dentro da ficción do filme.
Esta rodaxe ficticia impón un encerro neste caso voluntario e colectivo cun obxectivo: a filmación; filmación sometida tamén á idea de liberdade porque Diarios de Otsoga realmente é unha celebración da pura alegría de filmar para reter a beleza fuxidía.
Ademais o filme propón un diario invertido que comeza dende o final ata o inicio, xogo que aparece reflectido no título Otsoga-Agosto
Dende o seu debut na longametraxe con A cara que mereces (2004) Miguel Gomes percorreu o mundo coas súas seguintes películas, as cales acadaron numerosos premios, como foi o caso de Aquele querido mès de agosto (2008), Tabu (2012) ou As mil e uma noites (2015).
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte