Fotografía de Adra Pallón do seu proxecto sobre exclusión social. Adra Pallón seleccionado nos Oscar do fotoxornalismo

O traballo fotográfico do lucense Adra Pallón vén de acadar un dos recoñecementos máis salientables do mundo das artes ao ser seleccionado nos «Screenings» do Festival Internacional Visa Pour L´image de Perpignan, considerados os Oscar do fotoxornalismo.

Falamos con Adra sobre este novo paso na súa carreira (recordemos que a semana pasada coñecíamos que opta ao «Andrei Stenin International Press Photo»)

Que supón para un fotógrafo participar en Visa Pour L’image?

Creo que non son consciente do importante que é estar nos «Screenings» do Visa Pour L´image de Perpignan.

O ano pasado proxectouse un traballo dun dos meus fotógrafos de cabeceira. Estamos a falar do traballo de fotógrafos da talla de Magnum Photos, Magnum Photos é como o olimpo da fotografía.

Creo que é moi importante para min no sentido de cuestionar o meu traballo e de ver que o camiño que estou a seguir ao melllor é o correcto pese a precariedade constante.

Cal foi a túa reacción ao recibir a información de que as súas fotografías formarían parte das proxeccións?

Era un domingo, entrei no FTP onde se debían subir os traballos por pura curiosidade e vin carpetas que aparecían e desaparecían. Había unha de Tomás Munita, gañou 3 World Press Photo. Inmediatamente pensei en non mandar nada. Entón copiei 150 fotos do proxecto ao azar que tiña nunha carpeta do escritorio, sen montar ningunha narrativa.

Cando me chegou o correo a reacción foi «Merda, a edición non tiña ningún xeito» e mandei en maior calidade unha serie ben construida, pero solicitáronme a orixinal. Non sei que montarán con esas. Eu tomo isto coma unha aprendizaxe.

Que fotos son?, por certo.

O mesmo proxecto sobre exclusión social (unha serie deste proxecto pode ser a mellor do mundo nos «Andrei Stenin International Press Photo»)

Asistirá ao festival?

Visa Pour I´Image son os Óscar da fotografía documental e o fotoxornalismo. Hai unha exposición retrospectiva de 50 anos de Eugene Richards, para min un dos mellores fotógrafos da historia, entre moitas outras actividades. Gustaríame moito, pero non sei se podo permitirme actualmente ir aló. Prefiro usar eses cartos para seguir producindo fotografía.

É consciente de que está a abrir un camiño nunca explorado pola fotografía lucense? Desde Lugo gañando (e sendo finalista) de prestixiosos Premios e Festivais de fotografía documental ou xornalística, facendo reportaxes de temas sociais … É máis difícil desde aquí, desde a periferia?

Para nada. Se puideramos abrir e editar coherentemente o arquivo de Xosé Marra probablemente veríamos algo tan impresionante como os premios que dan en Perpignan á carreira de fotógrafos consagrados.

Non son o primeiro que intentan facer fotos con coherencia e implicación en Lugo. Todos os días saen á rúa os fotógrafos locais. O que falta é que os directores dos xornais se senten a falar de imaxe con quen sabe sobre iso.

O que podo fotografar eu aquí non sorprende a nivel gráfico coma o que podes traer fotografado dun país de fóra. Creo que o exótico contamina o discurso e a honestidade. Penso que o mundo do fotoxornalismo a nivel internacional está cheo de occidentáis brancos cunha mirada moi coidada pero dirixida polos poderes.

O importante da foto e atopar a túa propia voz e esta só sae cando eres sincero coa cámara, isto é moi difícil, eu estou na procura dela. Ser sincero fotografando a realidade que coñeces é máis honesto pero menos estético. Entre estas dúas quédome coa honestidade.

 

 Festival Internacional Visa Pour L´image de Perpignan. 27/08 – 11/09 2022