Fin de ano teatral no Gustavo Freire.
Novembro e decembro cheo de espectáculos teatrais dentro da programación que promove a área de Cultura do Concello de Lugo.
Programación Auditorio Municipal Gustavo Freire – Novembro e decembro 2022
NOVEMBRO
Domingo, 6 de novembro. “Soy una nuez” de Zum Zum Teatre.
Sinopse:
A avogada Marinetti é unha muller implacable e amargada que denunciou a case toda a veciñanza. A súa vida cambia o día no que Omar, un neno refuxiado, cae dunha rama da súa nogueira. O neno transforma a súa vida por completo e para poder quedarse con el, afirma que é unha noz e que, segundo unha antiga lei, todos os froitos que caen no seu xardín perténcenlle. O xuíz e o fiscal, incrédulos, escoitan ás testemuñas. Mentres, Omar recorda como tivo que fuxir dun país en guerra e como perdeu aos seus pais na mar, agardando ter unha oportunidade na vida.
Idade recomendada: Todos os públicos.
Duración: 55 minutos.
PREMIO FETEN 2021 á mellor dirección
PREMIO FETEN 2021 á mellor interpretación coral
Xoves, 10 de novembro. “Ragazzo” de Barrosanta.
Sinopse:
Europa, verán do 2001. A cidade de Ragazzo vive a restricción de dereitos sociais máis grande que recorda o continente dende a Segunda Guerra Mundial: fronteiras pechadas, manifestacións prohibidas… 30.000 axentes percorren as rúas e protexen aos líderes do G8 na súa xuntanza.
Ragazzo, pese a isto, pasa o verán na cidade, nun garaxe que okupou e acondiciounou como o seu fogar durmindo dentro do coche e cociñando no seu motor. Está de vacacións: ten tempo para ir a concertos, ler e escribir, cociñar e incluso de namorarse… e por suposto, de participar no Fórum Social, instalado na cidade para facer fronte ao modelo de globalización imposto polo G8, soñando outro mundo posible.
Idade recomendada: Público adulto.
Duración: 70 minutos.
Domingo, 13 de novembro. “Latas” de D’Click.
Sinopse:
Un equilibrio entre o animal e o humano, unha danza entre o inútil e o fermoso. Tres personaxes constrúen e destrúen o presente sen máis obxectivo que desafiar ao aburrimento. Coñécense tanto que non precisan falar. Habitan un mundo no que pasou algo, pero non sabemos o qué. Buscan dentro de latas un pouco diso, que ao compartirse multiplícase. Un convite a xogar indiferentes a calquera pensamento. Un momento de felicidade compartida, cun pé neste mundo e outro nunha terra sen tempo.
Idade recomendada: Todos os públicos.
Duración: 50 minutos.
Xoves, 17 de novembro. “Diógenes” de Lila Teatro.
Sinopse:
“Diógenes” describe unha intensa viaxe cara ó nebuloso abismo da psique. Un singular proceso expiatorio tras dunha extraordinaria vivencia que confronta o ego, obrigando a unha análise das propias paixóns dende un lugar de contemplación. O despertar da conciencia a través da consciencia. A eterna disputa respecto ao vínculo existencial entre virtude e felicidade que esixe levar á práctica o coñecemento atesourado e aquela sabedoría innata que busca constantemente a ledicia do ser. Segundo Sócrates os seres humanos desexan acadar a Eudaimonía, entendida como pureza espiritual, máis que calquera outra cousa na vida.
“Diógenes” abarca o concepto de alma dende o hedonismo, nun intento de revelar a arte de vivir en liberdade fronte ao materialismo e as aparencias, partindo da concepción do propio destino dende o libre albedrío.
Esta é a historia dun cínico do século XXI en contra dun poder arrogante que insiste en desacreditar deliberadamente os verdadeiros valores existenciais.
Idade recomendada: A partir dos 16 anos.
Duración: 70 minutos.
Domingo, 20 de novembro. “A nova historia da Cigarra e a Formiga” de Teatro do Andamio.
Sinopse:
Quen non coñece a fábula da Cigarra e a Formiga? Aquela, da cigarra preguiceira e da formiga traballadora. Mais ímosvos contar unha nova historia que comezou despois dunha noite de tormenta, que fixo que todo cambiara.
Cambiou a vida da Formiga, que vivía na saída de emerxencia do formigueiro coidando das flores e cantando as cancións que inventa mentres ninguén a escoita.
Cambiou a vida da Cigarra, que chega ao fermoso outeiro despois de vagar durante moito tempo buscando un lugar mellor para vivir en paz. Este encontro non vai ser doado, pero será tan necesario…
Esta tenra historia fala de ser quen de superar os medos de facer nas nosas vidas o que realmente desexamos.
Idade recomendada: A partir dos 4 anos.
Duración: 55 minutos.
Xoves, 24 de novembro. “El caballero incierto” de Come y Calla Producciones.
Sinopse:
Na excelente novela “La carne”, de Rosa Montero, hai agochada unha pequena xoia.
Trátase da historia imaxinaria de Josefina Aznárez, personaxe maiúscula, apaixonante, máxica, deses que aparecen moi de cando en cando pero quédanselle a un cravados para sempre.
Josefina é unha personaxe maldita, unha invención desgarrada e dolorosa da condición de ser muller. Esa muller ben podería ser Hildegarda de Bingen, María Lejárraga ou George Sand.
O seu destino crúzase un 3 de novembro de 1893 coa explosión e posterior traxedia do vapor “Cabo Machichaco”… A partir de aquí, é Laila Ripoll quen escribe este monólogo. Josefina entra nas sombras e desaparece para converterse en pantasma, en mito, en carne de escenario. Para non desaparecer nunca.
Este cabaleiro incerto é unha homenaxe a esas mulleres valentes, silenciadas e esquecidas. El caballero incierto trata de nós e do noso lugar no mundo.
Idade recomendada: Público adulto.
Duración: 70 minutos.
XXX Premio Unión de Actores á Mellor Actriz Protagonista de Teatro
Mellor Obra revelación, actriz protagonista, adaptación e escenografía 2021
Domingo, 27 de novembro. “Nonna” de Teatro Güi e Hiperbólicas producciones.
Sinopse:
Nunca estou máis feliz que cando vou visitar á Nonna. Ela cóidame, cántame cancións, ensíname cómo axudar aos pobres, lévame ao Circo, ao parque de atraccións… Nonna non cociña moi ben pero prepárame a cea con tanto amor que fago un esforzo por comelo todo sen rosmar… Nonna é doce, aínda que ten un forte carácter que me fai sentir totalmente segura cando estou con ela. Tamén río moito con ela, sobre todo cando intenta disimular o son dos seus gases tusindo ao mesmo tempo… Nonna é o máis… Hoxe díxome miña nai que non podo quedarme con Nonna, que non está… Estará no parque de atraccións? No cine?… Axúdasme a buscala?
Idade recomendada: Todos os públicos.
Duración: 60 minutos.
DECEMBRO
Xoves, 1 de decembro. “O Péndulo” de Inversa Teatro.
Sinopse:
O Péndulo é unha obra de teatro-documento que nos mostra como se desenvolveu a sublevación militar do 1936 e o inicio da Guerra Civil na Galiza. Este achegamento á nosa historia colectiva faise desde o persoal. Marta Pérez, dramaturga xunto a Ernesto Is é actriz, trasládanos a experiencia do seu bisavó, Tirso Gómez Freijido, natural de Ribadavia e residente na Cañiza. Membro do Partido Socialista, republicano e presidente da “Casa del Pueblo de la villa”. Tirso foi apresado e fusilado no ano 1936 no Castro de Vigo, xunto cos seus camaradas Justo Moure, Jesús Pérez e Antonio Mojón. Outro veciño da localidade, Benjamín Malvar, apareceu asasinado nunha gabia. Xunto con eles foi apresada tamén María Gómez, alcaldesa de A Cañiza, pertencente á Izquierda Republicana, a única muller que exerceu ese cargo na Galiza durante a Segunda República. Esta última conseguiu salvarse do fusilamento no último momento, alegando un falso embarazo. Foi condeada a cadea perpetua e finalizou vivindo en Lugo coa anarquista Urania Mella.
Idade recomendada: Público adulto.
Duración: 85 minutos.
Domingo, 4 de decembro. “Orbital” de Farrés Brothers i cia.
Sinopse:
Ás veces témonos preto. Ás veces lonxe. Como podemos dar unha aperta dende a distancia?
Mariona, o Yuri e o Nil xogan a marcianos. O universo forma parte do seu xogo, tal e como todos formamos parte do universo. Un día as súas órbitas bifúrcanse e pérdense a pista. E pasan os anos. Agora son adultos. Mariona está a punto de facer realidade o soño dos tres: viaxar de verdade cara ao espazo. Ela non quere marchar sen despedirse. Eles queren despedirse antes de que marche. Atópense ou non, a memoria esperta, os xogos volven e os astros conforman constelacións imposibles.
ORBITAL xira arredor dunha aperta pendente. E da longa viaxe de tres amigos para facelo real…
Idade recomendada:Todos os públicos .
Duración: 55 minutos.
Xoves, 8 de decembro. “Relato para un incendio” de aAntena.
Sinopse:
Aantena foi seleccionada para levar a escena a proposta dramatúrxica de Ernesto Is “Relato para un incendio” en coprodución co CDG e a MIT de Ribadavia. Unha dramaturxia que parte de dous sucesos verídicos acontecidos na comarca de Ordes: por unha banda, os estudos antropolóxicos de Gustav Henningsen en Ardemil durante a década dos anos 60, na procura dos últimos vestixios de bruxería en Galicia; e pola outra, os incendios provocados por unha veciña de Cerceda no verán de 2016.
A proposta escénica baséase no traballo actoral e solucións creativas, centrándose no
sinxelo e na relación profunda entre intérprete e público. Outros dos seus elementos son a metateatralidade, cun elenco transformando a súa caracterización e falando directamente coa audiencia a favor dun achegamento emocional e o uso do audiovisual para artellar xogos escénicos.
Idade recomendada: Público adulto.
Duración: 60 minutos.
Espectáculo gañador do 1º Premio de creación do CDG.
Venres 9 de decembro. “El aguafiestas” de Pentación Espectáculos. CICLO ARTISTAS NO FOCO.
Sinopse:
Sergei (Josema Yuste) é un asasino a soldo que se hospeda nun hotel, para poder cumprir co seu rifle desde a xanela, un dos seus “encargos”. Pero a súa tarefa verase constantemente interrompida por Ramón (Santiago Urrialde), o hóspede do cuarto contiguo. Un home moi, pero que moi pesado, que pretende suicidarse despóis de que a súa muller o abandonou. Escrita por Francis Veber, un dos dramaturgos máis recoñecidos en Francia e outros países de Europa, autor do clásico de humor “A cena de los idiotas”, chega agora a nova versión desta comedia de éxito da man de Josema Yuste baixo a dirección de Marcelo Casas.
Reparto: Josema Yuste, Santiago Urrialde, Maribel Lara, Vicente Renovell, Arturo Venegas e Kiko Ortega.
Idade Recomendada: Público Adulto.
Domingo, 11 de decembro. “Molly y el gigante” de La machina teatro.
Sinopse:
Molly e as súas irmás camiñan polo bosque mortas de fame e refúxianse nunha casa sen saber que alí vive un terrible xigante. Fará falta ser moi decidida, valente e enxeñosa para vencer a un inimigo tan terrible.
Baseada no conto tradicional inglés “Molly Whuppie and the double-faced giant” o espectáculo e unha adaptación para unha actriz e un actor que a través de elementos cotiáns recrean, de xeito moi divertido, unha historia que fala de reencontros, do paso do tempo, de enxeño e de valor. Lucía e Dani, os seus protagonistas, dan vida ás cousas que teñen ao seu alcance para contar as aventuras de Molly e presentarse a eles mesmos. Trátase dun espectáculo de teatro de obxectos que inclúe tamén títeres de cachiporra. Con ritmo, entrega, tenrura e humor, “Molly y el gigante” trae ao século XXI a maxia dos contos tradicionais.
Idade recomendada: A partir dos 4 anos.
Duración: 50 minutos.
Xoves, 15 de decembro. “Pirolíticos” de Producións Teatrais Excéntricas.
Sinopse:
Polo seu 30 aniversario, Mofa & Befa emprenden o seu proceso creativo máis arriscado e experimental, coa incorporación de tres mulleres na dirección e no texto pero mantendo a estrutura, estilo e intencións “didácticas” que sempre caracterizaron a este dúo.
Pirolíticos é unha guía para orientar ao público sobre as novas masculinidades de sempre e conseguir (no caso dos homes) unha correcta pirólise en 10 sinxelos pasos.
Ao igual que os fornos modernos, é preciso conseguir un estado de “baleiro total” para poder comprender e asumir os novos conceptos que o Feminismo acercou nas últimas décadas.
Cunha estrutura en “sketches”, como é habitual en Mofa & Befa e, por suposto, con música (nesta ocasión, cun marcado estilo perrallas rock) Pirolíticos escenifica situacións ben recoñecibles polo público, co fin de conseguir unha mellor comprensión da “Guía Rápida para unha Correcta Pirólise”.
Mofa e Befa saen do armario coas gafas violetas e non lles acaen nada mal.
Idade recomendada: Público adulto.
Duración: 90 minutos.
Domingo, 18 de decembro. “O vixiante dos soños” de Ubú Teatro.
Sinopse:
Sonólicus quere chegar á lúa desde pequeno. Busca no reflexo das pozas e dos espellos, sobe ás caixas amoreadas e aos tellados, e tantos esforzos fai por conseguilo e tanto estira os brazos cara á lúa, que lle medran ata a deformidade. O seu empeño semella unha fantasía infantil da que a nai é testemuño. Unha noite acaba de medrar e, non só acada o seu obxectivo de acompañar á lúa, senón que se converte para sempre no vixiante do sono e dos soños infantís.
Idade recomendada: A partir dos 3 anos.
Duración: 45 minutos.
Xoves, 22 de decembro. “O deus do Pop” de Diego Anido.
Sinopse:
Tras 25 anos de creación contemporánea Diego Anido presenta unha autobiografía de carácter fantástico a medio camiño entre a súa vida na Galicia dos 80 e a dunha estrela do pop americana. Desde a tenrura e o humor absurdo reflexiona sobre como cada persoa creamos un relato para conformar a nosa identidade coas nosas vivencias pasadas e desexos futuros.
Idade recomendada: A partir dos 12 anos.
Duración: 75 minutos.
ENTRADAS
A través do portal web entradaslugo.es e na Oficina de Turismo ata 3 horas antes do comezo de cada función; e no auditorio, o día da función, desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo.
As persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG terán un desconto do 30% nas actividades para público adulto.
As entradas do ciclo Artistas no Foco poderán adquirirse a través do portal Ataquilla, con entradas de diferentes prezos segundo o espectáculo e a butaca escollida.