A Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) promove a exposición “Arquitecturas (re)visitadas” sobre arquitecturas da modernidade creada pola arquitecta e fotógrafa ferrolá Ana Amado.
A mostra inaugurarase o vindeiro martes, 13 de decembro, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), ás 19:30 horas. Asistirán a presidenta do COAG Lugo, Carmen Figueiras; a concelleira de Cultura de Lugo, Maite Ferreiro; así como a autora da exposición Ana Amado e o arquitecto Andrés Patiño.
A exposición, promovida polo Colegio Oficial de Arquitectos Vasco-Navarro (COAVN) chega a Lugo tras mostrarse por primeira vez no Palacio do Condestable en Pamplona en 2018 e despois itinerou a San Sebastián, Logroño, Palma de Mallorca, Vitoria e Bilbao con gran acollida do público.
A exposición recolle dúas series fotográficas que tratan sobre a relación de interdependencia entre a fotografía e a arquitectura, sendo esta última o obxecto da primeiras fotografías, e de como a fotografía foi e segue sendo hoxe máis ca nunca, o principal medio visibilizador da obra arquitectónica.
A imaxe fotográfica xogou un papel fundamental na difusión da arquitectura, especialmente a partir do Movemento Moderno, cando mestres como Julius Schulman ou Ezra Stoller crearon iconas que perduran nas nosas retinas” –sinala Amado–.
A autora explica que a fotografía é a súa canle para percibir o espazo arquitectónico, xa que non pode percorrer un edificio sen “fotografalo”, con ou sen cámara na man. Ao mesmo tempo, a súa formación como arquitecta inflúe decisivamente a súa forma de ser fotógrafa, mesmo cando a obra arquitectónica non é o obxecto da súa mirada, non só en canto á composición, organización de volumes ou percepción da luz, senón tamén á hora de enfrontarse a un proxecto fotográfico complexo, pois inconscientemente Amado aplica a metodoloxía proxectual arquitectónica.
Un primeiro bloque está composto por imaxes en branco e negro, de edificios seminais da arquitectura española do século XX en Madrid, como o Centro de Estudios y Experimentación de Obras Públicas (Cedex) de Fisac, o Colexio Maior César Carlos de Alejandro de la Sota ou o Hipódromo da Zarzuela de Arniches de Domínguez y Torroja.
“Trátase de visitas a arquitecturas recoñecidas como obras mestras do século XX, quizais algo fóra de foco, polo que con este traballo réndeselles unha homenaxe ou un novo recoñecemento” –explica–. Nesta serie da arquitectura madrileña da modernidade, Amado tratou de fotografar obras xa recoñecidas, fitos na arquitectura española do século XX, que caeron un tanto no esquecemento, co obxecto de velas, fotografalas a través dun prisma contemporáneo.
O segundo bloque, en color, consiste nun grupo de imaxes dos poboados de colonización que proliferaron a mediados do pasado século. Foron en total 300 poboados diseminados por toda a xeografía española, xunto ás principais concas hidrográficas do país, que acolleron a 60.000 familias migrantes co fin de facer renacer o sustento agrario trala guerra civil.
A exposición dá conta dunha trintena deles, proxectados case sempre polos arquitectos máis representativos do momento. Precisamente, inspirada por algunhas fotografías memorables creadas por Kindel en Vegaviana, a arquitecta quixo revisitar aqueles lugares case descoñecidos de aura máxica, os Poboados de Colonización do Instituto Nacional de Colonización (INC), onde os seus deseños arquitectónico e urbanístico, que resultaban fascinantes no papel, “son absolutamente sorprendentes ando se visitan en persoa”.
O proxecto audiovisual “Colonos”, que Ana Amado desenvolveu xunto ao arquitecto Andrés Patiño, foi seleccionado para formar parte dos contidos do Pavillón de España na Bienal de Arquitectura de Venecia en 2018 e foi publicado nas actas do X Congreso DOCOMOMO Ibérico en 2018, ademais de formar parte dos relatorios e as actas do 5º Congreso Internacional “On the Surface: Visual Spaces of Change: Unveiling the Publicness of Urban Space”, celebrado en Lisboa en 2019.
A mostra poderase visitar ata o 13 de marzo en horario de martes a venres de 10 a 13:30 horas e de 16 a 19:30 horas, e os sábados, domingos e festivos de 10 a 14 horas e de 16:30 a 19:30 horas (consultar horarios especiais durante o Nadal).
Ana Amado
Ana Amado (Ferrol, 1975) é arquitecta, fotógrafa e artista visual. É arquitecta pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña da Universidade da Coruña (UDC), ten un Máster en Fotografía pola Escuela Lens de Artes Visuales (Madrid), Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas pola Universidade de Santiago (USC), e un posgrao en Ilustración Creativa pola Escuela EINA (Barcelona).
É unha profesional multidisciplinar nos campos da arquitectura, a fotografía, a dirección artística en cine/TV, a ilustración e cómic, o comisariado e o deseño de exposicións.
Traballou como asistente do fotógrafo americano Mark Steinmetz en USA. Actualmente, compaxina o seu labor como fotógrafa coa docencia da fotografía para adultos e mozos en escolas de artes visuais en Madrid.
O seu traballo persoal explora as interconexións entre as diversas manifestacións artísticas, buscando sempre o achegamento da arte contemporáneo á sociedade. Na súa obra recente prima a fotografía con contido social onde se sirve da arquitectura como marco para falar de temas como a crise económica ou a revalorización da arquitectura moderna en España.
O seu traballo foi premiado e exposto nacional e internacionalmente na Bienal de Venecia 2016 e 2018, Copenhague Photo Festival, PhotoLondon, os Sony World Photography Awards, a XIV Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo, PhotoEspaña17, 20 e 22, The Royal Academy of Arts de Londres, o International Festival Eme3, Museo Picasso, Museo ICO Madrid, entre outros.
Andrés Patiño é arquitecto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. É fundador do estudio AJ Arquitectos. A súa obra interésase en aspectos tanto construtivos como de investigación, e desenvolve traballos profesionais relacionados coa arquitectura industrial, a rehabilitación e a vivenda, con trabalos recentes e en curso que pretenden establecer vínculos e relacións entre fotografía e arquitectura.
O seu traballo formou parte da Bienal de Venecia 2018, do X Congreso Docomomo e foi exposto en PhotoEspaña 2017, sendo ademais seleccionado en convocatorias e recibindo diferentes premios e recoñecementos, como os Premios COAG, entre outros.