A filóloga e escritora lucense María López Sández ingresará na Real Academia Galega como membro de número nunha sesión extraordinaria pública que terá lugar no Círculo das Artes de Lugo.
María López Sández (Lugo, 1973) ingresará na Real Academia Galega como membro de número o sábado 11 de marzo nunha sesión extraordinaria pública que terá lugar no Círculo das Artes de Lugo ás 12:00 horas.
Pronunciará o discurso titulado Onde abrolla o manancial: a paisaxe na raíz do ensaísmo galego, ao que lle dará resposta en nome da institución a académica Marilar Aleixandre.
A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. A sesión poderá seguirse tamén en directo dende academia.gal.
María López Sández ocupará a vacante producida polo pasamento do académico Darío Xohán Cabana en novembro de 2021.
Profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela e catedrática en excedencia do ensino secundario, a académica de número electa é investigadora da literatura galega e da sociolingüística, e tamén creadora literaria.
Entre outros galardóns, mereceu o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2007 por Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio (Galaxia, 2008) e o Premio Repsol de Narrativa Breve (2012) por A forma das nubes.