O XXI Encontro de Danza do Campus de Lugo, un evento organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, bota a andar o mércores 12 de abril, a partir das 20.30 horas, na Casa do Saber, coa presentación da performance ‘Espazos abandonados’, a cargo do alumnado de danza contemporánea da USC. O elenco de bailaríns desta peza, que conta con coreografía de Rosa Acuña e música de Ludovico Einaudi, está integrado por Lucía Fernández, Candela Gamallo, Irene Insua, Julia Lacleta, Daniela Mangas, Brais Rodríguez e Elena Sánchez.
A compañía ‘D-ou-tras’, do campus de Ourense da Universidade de Vigo dará continuidade á quenda de representacións da primeira xornada do XXI Encontro de Danza coa presentación de ‘Corpos celestes’, froito dun traballo de investigación ao redor das traxectorias dos corpos celestes e as diferentes densidades do aire. Ainhoa Viñuela, Alicia Fraga, Ánxela González, Daniele Tommasini, Diego Negro, Belén Ferro, Rosa Puga, Laura Lozano, Mercedes Ferro e Sira Gonzále conforman o elenco de intérpretes desta obra, que conta con coreografía de Nuria Sotelo.
A compañía de Danza da USC, xunto coa formación Sen Vergoña, integrada por alumnado do programa de IV Ciclo da USC e que conta tamén con Juan Carlos Zahera como director artístico, pecharán a primeira xornada deste encontro de danza coa función ‘Alento’. Esta nova produción da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura fai alusión ao primeiro e último que temos nesta viaxe da vida; o que nos impulsa á acción e nos frea ante as situacións difíciles, o que nos anima a danzar e a expresar: o alento. Ayla Leiva, Sonia L. Pumarega, Carmen Sarmiento, Dolores Besteiro, Herminda Méndez, Beatriz Ovalle, Rosa Menéndez, Sabela Rodríguez e Victoria Vázquez conforman o elenco que interpretará a obra, que conta con coreografía de Rosa Acuña e música de Armand
Amar. Sabela Rodríguez é a autora do texto, ao que pon voz Xosé Valcárcel.