Xullo 2018 A Deputada de Cultura, Pilar García Porto inaugurou este xoves a exposición “A volta dunha ausencia”, do escultor coruñés Pepe Galán que estará aberta ata o 30 de agosto no Museo Provincial. García Porto sinalou “que con esta nova mostra coñecemos a obra dun dos creadores máis relevantes do panorama galego, na nosa aposta por amosar e dar a coñecer a escultura, e ao mesmo tempo, poñemos en valor o traballo dos artistas da nosa terra …esta colección está composta por 40 obras, algunhas de grande formato, e catro instalacións de vídeos coas súas correspondencias escultóricas...”
A volta dunha ausencia
O escultor coruñés fai un percorrido por obras que establecen conexión no espazo e o tempo, realizadas en moitos casos dende a fusión dos medios de expresión. Esta exposición é un convite xeneroso para ver os primeiros artefactos que xorden do seu obradoiro despois dunha pequena ausencia. Estas pezas supoñen, nas primeiras etapas, unha reflexión sobre a luz nos tecidos en volume, o enchido e o baleiro nos metais, o sutil debuxo do arame e os limites en plano ou repregado dunha caixa de cartón, así como as pezas resultantes da combinación de ferro e a manipulación de parabrisas reutilizados de automóbiles. Todo este proceso creativo e de investigación, lévanos a un territorio conceptual e físico en conexión, como unha bola de fíos coas puntas imantadas, confesa o propio autor.
Pepe Galán
Pepe Galán (A Coruña 1955) iniciase na pintura á vez que experimenta con outros soportes como a serigrafía, o gravado e a fotografía, medios que comparte co seu traballo escultórico. Participou en Feiras e exposicións nacionais e internacionais. Europa suponlle un importante contacto coas diferentes opcións artísticas, históricas e contemporáneas. E tamén foi partícipe e cofundador de “A Galga” e do “Gruporzán”. A súa obra xa foi exposta en España, Portugal, Italia e Francia.
O escultor leva case 40 anos poñendo a proba combinacións materiais e conceptuais non sempre congruentes. Na busca de inéditas formas e texturas que interpelen á nosa tensa relación co mundo. Manolo Rivas describía no 2010 a obra de Galán coma “un territorio onde o goce é risco” e “os metais loitan coa vontade dos límites vexetais polo dereito a ter unha forma. Unha face coa que encarar a tempestade”.
Horario de visitas MPLugo
Luns a venres: 9:00 a 21:00 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Entrada gratuíta