Programación para os centros escolares da Rede Museística Provincial de Lugo.
Programación para o curso escolar 2023-2024, con multitude de propostas tanto presenciais como virtuais no Museo Provincial de Lugo, no Museo do Mar de San Cibrao, no Pazo de Tor e no Museo Fortaleza San Paio de Narla.

O obxectivo da programación é achegar, un curso máis, o patrimonio conservado nos museos ao alumnado a través dun conxunto de actividades artelladas ao redor do lema “Un país no mapa”, que ten como referencia o mapa de Fontán (o Pazo de Tor conserva unha das copias orixinais) e que pretende vincular o patrimonio dos museos ao territorio e á comunidade.

A deputada de Cultura Iria Castro subliñou “o importante traballo que realiza a Rede Museística ano tras ano para crear vínculos coa comunidade educativa e ofrecer propostas e materiais adaptados á aprendizaxe dos máis pequenos e pequenas, que contribúen tamén a sensibilizar na conservación do patrimonio e da memoria”.

A xerente da Rede Museística Encarna Lago explicou que “coincidindo co inicio do curso, reforzamos a comunicación cos centros escolares para ofrecer esta programación e facilitar o traballo do profesorado na
planificación do curso”.

Presentación da programación nun acto no que participaron tamén a concelleira de Cultura de Lugo Maite Ferreiro, a directora do Museo de Lugo Aurelia Balseiro e persoal de didáctica.

A programación contempla actividades comúns aos catro museos, como visitas de iniciación guiadas por persoal de didáctica, talleres para afondar no formato artístico do retrato e o autorretrato e propostas sobre diversidade e igualdade de xénero, centrados na obra de mulleres artistas presentes nos museos. 

Ademais, cada museo ofrece actividades adaptadas aos seus fondos, espazo e entorno.

A Rede Musesítica tamén ofrece a profesorado, alumnado e familias recursos  educativos en liña a través da plataforma www.comunidadermpl.es e mantén a fórmula da “maleta viaxeira”, coa que se levan as actividades aos propios centros.