Nova edición do Festival de Teatro Amador en Lugo
As 4 representacións desta edición terán entre o 16 e o 30 de setembro
Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, presentou a sexta edición do Ciclo Galego de Teatro Amador, organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado en colaboración coa área de Cultura do Concello de Lugo e coa consellería de Cultura.
Arroxo afirmou que “un ano máis volve o Ciclo Galego de Teatro Amador, no que poderemos ver a distintas compañías de teatro afeccionado realizar as súas últimas obras no Auditorio Municipal, achegando o teatro a toda a veciñanza”.
As representacións desta edición son as seguintes:
· 16 de setembro ás 20:30 –Microtirulos, de Tiruleque Teatro
· 17 de setembro ás 18:30 – A Liorta, de Avelaíña Teatro
· 24 de setembro ás 18:30 – Camiños e Carreiros, de Andaravía Teatro
· 30 de setembro ás 20:30 – O Randiña, de Pico do Castro
Entradas de balde, retíranse en entradaslugo.es ou na billeteira do Gustavo Freire o día da actuación.
PROGRAMA FESTIVAL DE TEATRO AMADOR
Tiruleque teatro «Microtirulos» 16 setembro. 20.30h. Público Adulto.
Avelaiña Teatro «A liorta» 17 setembro. 18.30h. Público Adulto/Xuvenil
Acontece no s. XVIII, o Século das Luces, na apoteose da Ilustración.
De contado xurdirá a contenda entre dúas maneiras de entender a vida, o pensamento, a cultura, a sociedade. Enfrontamento dialéctico entre dous filósofos, liados nunha pelexa a dentadas e na que a filosofía é a protagonista.
Iso explica en boa medida que asistamos a un teatro no que predominará o uso da palabra, nun texto sempre vigoroso e exquisito. Ámbolos dous interpelantes son correlixionarios no empeño enciclopédico e na tarefa de sentar as bases da Revolución Francesa e das sociedades liberais que a partir dela xurdiron e en cuxos principios ( democracia, constitución, división de poderes, liberdades e dereitos subxectivos, etc.) se asentan as nosas.
Unha disputa entre dúas ideas que, sendo igualmente xenerosas, non son en modo algún menos diversas. Un aristócrata que quere mellorar o valioso conseguido, que cre na cultura, que se opón á irracionalidade, á superstición, á intolerancias e á tiranía, que lamenta a inexistencia da Providencia, contesta ás arremetidas dun rapaz airado de orixe plebea, un axitador revolucionario, un radical que quere partir de cero para reformar a sociedade, para volveres á boa natureza do salvaxe e desbotar a corrupción á que nos ten levado a sociedade, a cultura, as ciencias e as artes.
Velaí a VOLTAIRE e a ROUSSEAU , contraditorios máis sempre brillantes, nun diálogo que reclama unha sostida atención para acompañalos nese ir debullando unha serie de temas plenamente actuais.
Andaravía Teatro «Camiños e carreiros» 24 setembro ás 18.30h. Todos os públicos.
Dous veciños de Vedra unen as súas forzas para poder sacar uns cartos extras beneficiándose da proximidade do Camiño de Santiago. Estarán preparados para atender e comprender as novas demandas do camiño do século XXI?
Pico do Castro «O randiña». 30 setembro ás 20.30h. Todos os públicos.
A obra recrea as peripecias dun vagabundo, “O RANDIÑA”, no seu afán de evitar que se lle arrebate o único lugar que considera o seu fogar, un banco de praza.