Concerto 1700 – Música barroca con instrumentos de época orixinais
Dentro da programación da Sociedad Filarmónica de Lugo.

Mércores 22 de novembro – Círculo das Artes de Lugo – 20:00 h 

Programa:

Madrid-París: Os tríos da Ilustración

(Tríos de corda de J. Castel, L. Boccherini e G. Brunetti)

Venda de entradas para os concertos: oficinas do Círculo das Artes (dispoñibles para non socios e entradas para estudantes)

Para máis información e consultas:

Teléfono 982 230 805 ou no correo filarmonicadelugo@gmail.com

CONCERTO 1700

Fundado en 2015 polo violinista Daniel Pinteño, Concerto 1700 aspirou dende o seu inicio á recuperación e difusión do patrimonio musical hispano dos séculos XVII e XVIII.

Para levar a cabo o seu proxecto artístico, utiliza instrumentos de época orixinais, así como un rigoroso estudo musicolóxico da práctica interpretativa da época que lle permite alcanzar o son xenuíno do barroco.

Concerto 1700 é unha agrupación de formación variable, que abarca dende o trío ata a orquestra barroca. Esta versatilidade permítelle abarcar calquera repertorio do barroco sen perder un ápice da súa personalidade específica.

Nos seus sete anos de traxectoria, conseguiu posicionarse como unha das formacións máis relevantes do panorama historicista, actuando nalgúns dos festivais e salas de maior prestixio.

Coa intención de estender o seu compromiso coa divulgación do repertorio barroco hispano, en 2018 funda o seu propio selo discográfico, 1700 Classics.

Todas as súas publicacións colleitaron un grande éxito de crítica nas principais revistas especializadas, recibindo a cualificación de Disco Excepcional de Scherzo, Disco Recomendado de Ritmo, Disque classique de le jour de France Musique así como nomeamentos aos ICMA Awards.

Durante a tempada 22/23 foi grupo residente do Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM) cunha xira de concertos que contou con actuacións no Auditorio Nacional de Música (Madrid), o Auditorio Príncipe Felipe de Oviedo, o Auditorio Cidade de León, o Espacio Turina de Sevilla, o Palau de Les Arts de Valencia e St. John’s Smith Square dentro da programación do London Festival of Baroque Music.

DANIEL PINTEÑO. Violín e director.

Considerado pola crítica como unha das figuras emerxentes con máis proxección dentro do panorama historicista español, naceu en Málaga, comezou os seus estudos no Conservatorio Profesional de Música de Murcia da man de Emilio Fenoy e finalizounos con posterioridade con Juan Luis Gallego no Conservatorio Superior de Música de Aragón.

Máis tarde, trasladouse a Alemaña onde proseguiu os seus estudos de perfeccionamento co profesor da Hochschule für Musik Karlsruhe, Nachum Erlich.

Dende o ano 2010, orientou o seu labor musical á interpretación do repertorio comprendido entre os albores da música para violín do século XVII ata a linguaxe romántica de mediados do XIX con criterios históricos. Para iso, recibiu clases de profesores como Enrico Onofri, Anton Steck, Hiro Kurosaki, Catherine Manson, Enrico Gatti, Sirkka-Liisa Kaakinen-Pilch, Margaret Faultless ou Jaap ter Linden.

Estudou violín barroco no Conservatoire à Rayonnement Régional de Toulouse (Francia) co violinista suízo Gilles Colliard e no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid baixo a tutela de Hiro Kurosaki.

A súa paixón pola recuperación de patrimonio musical español do século XVIII valéronlle o recoñecemento da crítica internacional. No ano 2019, obtivo unha bolsa de estudos Leonardo para investigadores e creadores culturais que outorga a Fundación BBVA. En 2023 recibe o Premio á Produción Artística outorgado polo Concello de Málaga e a Fundación La Caixa.

Daniel Pinteño toca cun violín italiano anónimo de principios do século XVIII.

Sociedad Filarmónica de Lugo – web oficial –