
A Candeloria vivirá o vindeiro 11 de abril de 2026 a súa última edición.
O festival lucense pón fin así a unha traxectoria de 12 anos na que logrou converterse nunha icona da escena do punk, o rock e o rap non só en Galiza, senon tamén en todo o noroeste estatal. Ademais, A Candeloria conseguiu posicionar Lugo como un referente deste tipo de eventos nunha estación, o inverno, de pouca tradición festivaleira.
O organizador da Candeloria, Manu Fernández, quixo agradecer «a todos os candelorios e candelorias» o cariño recibido «ao longo de todos estes anos»:
«Poñemos fin á Candeloria da mellor maneira posible, despois de moitas edicións exitosas e no seu máximo esplendor dos seus 12 anos de historia. Non é un adeus triste, é un adeus cheo de alegría por todas as cousas impensables que conseguimos dende que en 2013 surxira todo a raíz dunha resaca post noite compostelá», explicou.
«É un adeus que chega coa saca chea de amizades novas, chea de momentos maravillosos que xamáis soñariamos con conseguir, e coa satisfacción de superar todos os momentos complicados dende o traballo e a humildade», asegurou Fernández, que recalcou tamén o seu agradecemento «ás bandas que viñeron ao festival, ás institucións que nalgún momento nos axudaron e ás empresas que traballaron con nós».
‘O último berro’ exhalarase o 11 de abril
A Candeloria ten agora un último obxectivo marcado en vermello no calendario: dicir adeus organizando a troula máis salvaxe da historia do festival. «Isto non acaba aquí. O 11 de abril, con ‘O último berro’, temos a misión de facer desa noite a máis especial da historia do festival. Vide desfrutar, poguear, e botar a lagrimiña unha última vez», invitou o organizador do festival.