Iria Folgado, unha das mellores oboístas do mundo, en concerto en Lugo.
Xunto a consagradas estrelas da música galega: Raquel Areal, violín (Filarmónica de Berlín) + Sara Areal, violín (OSG)+ Marta Rodríguez Otero, viola + Millán Abeledo (RFG), violonchelo.
Sábado, 7 de febreiro – Círculo de las Artes de Lugo – 20:00 h
Programa: “Ecos de Breogán”:
Benjamin Britten (1913-1976): Cuarteto Fantasía, op. 2
Elizabeth Maconchy (1907-1994): Quinteto para óboe e cordas
Arnold Bax (1883-1953): Quinteto para óboe e cordas
Fernando Buide del Real (1980): Adagio para corno inglés e cordas
Ralph Vaughan Williams (1872-1958): Seis estudos sobre temas populares ingleses
A oboísta Iria Folgado (San Sadurniño, A Coruña, 1996) é solista de corno inglés na Konzerthausorchester de Berlín, baixo a dirección artística de Joana Mallwitz.
A súa formación musical iniciouse no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol e realizou cursos de especialización instrumental con Christina Dominik na Escola de Altos Estudos de Santiago de Compostela.
En 2014 trasladouse a Alemaña para realizar os seus estudos superiores con Dominik Wollenweber na Hochschule für Musik Hanns Eisler, aos que se sumaron as bolsas da Fundación Alexander von Humboldt e de Excelencia Musical do Consorcio para a Promoción da Música da Coruña.
A súa minuciosa personalidade na procura da perfección técnica e musical é o impulso para continuar vencellada a esta escola musical, na que realiza actualmente o Konzertexam coa profesora Viola Wilmsen.
Entre 2019 e 2021 foi academista na Karajan Akademie da prestixiosa Berliner Philharmoniker, etapa que lle permitiu vivir grandes experiencias orquestrais baixo a batuta de Simon Rattle, Kirill Petrenko, Christian Thielemann, Iván Fischer, Andris Nelsons ou Daniel Harding.
A estas vivencias súmanse as xiras internacionais coa Filharmónica de Berlín, a Mahler Chamber Orchestra ou a propia Konzerthausorchester Berlin en Xapón; as colaboracións en Mumbai coa Symphony Orchestra India baixo a dirección de Zubin Mehta; ou as xiras por diferentes cidades suízas coa European Philharmonic of Europe dirixida por Charles Dutoit e coa pianista solista Martha Argerich.
Como música de cámara, actuou nos festivais de Zermatt e Moritzburg e no Pacific Music Festival de Xapón, entre outros. Participou na última edición do prestixioso festival de Bayreuth de Richard Wagner como solista de corno inglés, interpretando a ópera O Holandés Errante do compositor alemán.
En maio de 2025 foi galardoada no prestixioso International Prague Spring Competition coa Mención de Honra e co premio Czech Music Fund Award á mellor interpretación da composición escrita para o International Prague Spring Competition 2025, Jen tak pro sebe na hoboj de Jan Klusák.
En paralelo a esta destacada traxectoria internacional, Iria Folgado mantén un firme compromiso coa súa terra natal colaborando coa Orquestra Sinfónica de Galicia, coa que participou na xira de Abu Dabi en 2016, así como coa Orquestra 430 e a Orquestra de Cámara Galega, coas que ofreceu concertos como solista.
Actuou na primeira edición do Festival Internacional de Música Clásica de Vilagarcía de Arousa clasclás e, entre 2021 e 2023, foi artista residente do festival Música no Claustro, experiencia da que nace a gravación do disco Ecos de Breogán (Poliédrica, 2023) co apoio das Axudas Creación INJUVE 2022-2023.
En marzo de 2026 actuará no Festival de Baden-Baden (Alemaña) coa Mahler Chamber Orchestra e, en abril, realizará unha xira polos Estados Unidos de América con esta mesma orquestra e coa pianista solista internacional Yuja Wang.
Raquel Areal (violín)
A violinista Raquel Areal (Tui, 1999) foi alumna de Zakhar Bron e Yuri Volguin na Escola Superior de Música Reina Sofía, así como de Kolja Blacher na Hochschule für Musik Hanns Eisler de Berlín. Un ano máis tarde de ingresar na Orquestra e Coro Nacional de España trasládase a Berlín para continuar a súa formación na Karajan Academy e, a comezos de 2025, obtén a praza definitiva na Filharmónica de Berlín.
Sara Areal (violín)
A violinista Sara Areal (Tui, 1996) foi alumna de Svetlana Makarova na Haute École de Musique de Lausanne, de Ana Chumachenco na Escola Superior de Música Reina Sofía e de Pavel Vernikov na Musik und Kunst Privatuniversität der Staadt Wien de Viena. Na actualidade é violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia.
Marta Rodríguez Otero (viola)
A violista Marta Rodríguez Otero (Lugo, 1999) graduouse na Universidade Mozarteum de Salzburgo onde ven de rematar o máster baixo a tutela do profesor Thomas Riebl. Dende 2023 é membro do Cuarteto Daphnis e na tempada 2023-2024 foi a co-principal de viola do Teatro Real de Madrid.
Millán Abeledo (violonchelo)
Millán Abeledo Malheiro (Silleda, Pontevedra) é violonchelista formado no CSMA de Zaragoza, na Escola Superior de Música Reina Sofía e na Musikhochschule Lübeck. É membro da Real Filharmonía de Galicia e colabora con outras formacións de orquestra e grupos de cámara como Bambú Ensemble, Dúo Gamma, Suit(e) ou Dúo Abeiro. Gravou traballos discográficos para Brilliant Classics ou IBS.
Ecos de Breogán
Ao comezo dos anos trinta, o óboe viviu unha importante promoción no seu recoñecemento como instrumento solista no marco de dous concursos de composición de música de cámara: se o primeiro estivera impulsado polo industrial e melómano Walter Willson Cobbett, do que sairía vitorioso Benjamin Britten co súa Phantasy Quartet Op.2 para óboe, violín, viola e violonchelo; o segundo foi convocado por The Daily Telegraph e elixiu entre as súas partituras premiadas ao Quintet for Oboe and Strings de Elizabeth Maconchy. Ambas as obras foron estreadas de forma inmediata por Léon Goossens e Helen Gaskell respectivamente. Un dos retos desta xeración foi a ruptura coa estética imposta dende a Europa occidental e a procura dunha identidade musical propia, inquietude que levou a Ralph Vaughan Williams a realizar recolleitas na campiña británica gravando e transcribindo o seu folclore natal. Destas investigacións naceron os Six Studies in English Folksong compostos orixinalmente para cello e piano, sendo arranxados posteriormente para corno inglés e cuarteto de cordas por Robert Stanton.
Segundo as lendarias tradicións irlandesas, Breogán foi un rei celta de Galicia que construíu unha alta torre en Brigantia, a actual cidade da Coruña. Dende o alto desta torre, o seu fillo Íth albiscou as illas británicas ás que partiu para alcanzar unha nova terra. Os costumes celtas e a cultura irlandesa cativaron ao compositor Arnold Bax, amante da poesía de William Butler Yeats, influencias que quedaron de manifesto no seu Quintet for Oboe and Strings a través das solemnes melodías iniciais xunto ao carácter festivo da xiga irlandesa que conforma o terceiro movemento da obra. Esta travesía sonora finaliza co galego Fernando Buide del Real, activo compositor da escena contemporánea internacional. En 2021, a partir dun cuarteto de corda anterior en catro movementos, Buide del Real arranxou para Iria Folgado o Adagio para corno inglés para a súa interpretación no festival Música no Claustro na Catedral de Tui.
Venda de entradas para non socios: Taquilla do Círculo das Artes
Entradas para non socios: 15 €
Entradas estudantes: 5 €* (*menores de edad entrada gratuita)
+ Info: www.filarmonicadelugo.com




























