2ª Edición do CICLO MEXER – 20 e 21 de Agosto – no @mihl_museo

Curadoria de Solaina Galería para @culturaturismolugo

Artistas: @maria__roja @ai.moraima @noukkin
@chex_nova @akazi.e @xo.el.ariez

LEÇONS DU SAMENDI

Maria Roja (@maria__roja)
Vanesa Varela (@asformigas)

Nalgunhas casas comezaron a verse actos de sabotaxe desorganizados.

Inicialmente,tratábase dunha lixeira melancolía que remataba nunha pota de comida queimada ou nunha camisa mal pasada a ferro, aínda que ás veces, incomprensiblemente, toda a vaixela acababa destruída en anacos no chan. 

Somatización é unha palabra que anula toda unha serie de saberes e aprendizaxes dos nosos corpos. Establece, unha vez máis, a mente como un elemento autónomo que, en ocasións, produce alteracións fisiolóxicas ao exercer o seu poder sobre a carne.

Gustamos de substituír “somatización” por “histeria”. Histeria, como materia que ofrece alivio ao sufrimento emocional, como ruptura do corpo individual cara a protesta colectiva, como engano ante a disciplina e a implacable autoridade psiquiátrica. Histeria, como xeito físico de enfrontarse ao mundo, que se le nos corpos alleos e se escribe no propio, nunha solidariedade non verbal.

HISTERIA! como berro inaugural das nosas leccións dos sábados. Leçons du samedi é unha das posibles conclusións, colaborativa e contaminada, do proxecto Huelga salvaje.

CORPO

Sofía Fernández (@ai.moraima)

CORPO é unha peza de performance que indaga sobre as relacións entre os cánones, as imposturas e as opresións físicas, simbólicas e institucionais nos corpos das mulleres. 

O fío vermello como aparello opresor será disposto de tal xeito en que a performer vaia atando co mesmo o seu propio corpo, e deixando que os asistentes a apresen tamén. O corpo pasará, dese xeito, a sufrir físicamente a presión física e material na carne.

PANDA

Noel Quintela (@noukkin)

Este panda ten a forma das cousas que nos poñen os pelos de punta, das que nos fan querer durmir todo o día e das que non entendemos por que nos fan chorar.

Este panda medra e estírase cando ten medo.

Este panda non come bambú pero gústanlle moito as laranxas e os amorodos.

Este panda ten un xirasol no cú.

Ariezzz (@xo.el.ariez )

Nesta peza reflexiono sobre o emprego da vestimenta coma ferramenta de construción da identidade, específicamente sobre a importancia que esta ten nos procesos de afirmación de xénero no colectivo queer.

Unha proposta na que emprego as ferramentas da disciplinas artística do drag, do DIY, e do movimento trash.

“A intelixencia do ser estático”

Akazie (@akazi.e)

“A intelixencia do ser estático” é unha performance baseada na quietude, na escoita illada e na interacción sen verbas entre dúas persoas descoñecidas dentro dun marco auditivo común.

A performer sitúase detrás dun atril que contén un dispositivo conectado a dous auriculares de diadema, un usado por ela e outro á disposición do público.

O obxectivo da acción é establecer un vínculo coas persoas que decidan participar na escoita, a cal é xerada e decidida exclusivamente por quen interacciona, imposibilitando á performer observar a súa articulación co dispositivo pero compartindo unha experiencia auditiva dende a posición desmitificada do artista, deixando vía libre á espontaneidade da propia acción e convertindo ao espectador no centro de atención dende unha perspectiva de complicidade e observación, casi de confidencia.

Chex Nova (@chex_nova)

Nunha busca de ficcións que se misturan entre tradicións e saberes interxeneracionais, Chex Nova rescata o exercicio do trenzado de esparto para a confección de capachos.

A través da introducción deste exercicio dentro do universo da personaxe veremos como a práctica que lle deu o apodo aos homes da súa familia se convirte nun rito travesti.

A acción xira entorno á confección de novos obxetos, amuletos e prótesis que abren un portal a unha realidade onde as marxes do humano inundanse de maxia.