Danny Boy Rivera, Oswaldo Digón e David Perdomo no San Froilán 2023
O espazo O San Froilán sorrí  celebra este ano a súa segunda edición na praza da Mosqueira o 12 de outubro a partir das 20h
Danny Boy-Rivera

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, confirmou a volta do espectáculo O San Froilán sorrí, un espazo que este ano celebra a súa segunda edición e que achegará á praza da Mosqueira a tres monologuistas galegos referentes a nivel estatal e internacional. 

Arroxo destacou que “este espectáculo tivo unha gran aceptación o ano pasado, e este ano volverá a un dos mellores espazos da cidade”.

O espazo O San Froilán sorrí terá lugar o día 12 de outubro a partir das 20 horas, e contará coa participación de Danny Boy Rivera, Oswaldo Digón e David Perdomo.

Danny Boy-Rivera, o ferrolán é un dos referentes do stand-up nacional. Domina as claves da improvisación e así o demostra nas súas participacións en programas de Paramount Comedy ou en La Resisitencia.

Oswaldo Digón, o cómico, humorista, actor e guionista de San Román de Cervantes enche teatros por todo o estado e formou parte dos “Nuevos Cómicos” de Paramount Comedy. Na actualidade combina as súas actuacións en salas coa súa xira de teatro.

David Perdomo, o cómico e actor coruñés, habitual na parrilla televisiva da TVG colaborou con Xosé Antonio Touriñán e Roberto Vilar no Land Rober  ou no programa “No le digas a mamá que trabajo en la tele” con Dani Rovira, Goyo Jiménez e Iñaki Urrutia entre outros.