«Tarde e tardiña 2025» espectáculos para público familiar este verán en Lugo.
Maite Ferreiro: «Trátase dunha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar nas tardes dos xoves ás 18:00 horas na praza Anxo Fernández Gómez»

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, anunciou a primeira programación cultural para as tardes do verán cunha nova edición do ciclo de espectáculos para público infantil e familiar Tarde e Tardiña. 

«Trátase dunha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar nas prazas do centro de Lugo durante as tardes dos xoves», explicou Maite Ferreiro, que engadiu «cada día terá lugar un espectáculo para público familiar ás 18:00 horas na praza Anxo Fernández Gómez».
 

Tarde e Tardiña comezará o vindeiro xoves 03 de xullo, e contará con 5 espectáculos de compañías galegas e estatais, dos cales dous foron recoñecidos con diferentes premios. 

Ferreiro afirmou que «seguimos traballando en traer a Lugo propostas culturais de calidade e para todos os públicos», e engadiu «nos vindeiros días presentaremos tamén a nova edición do festival de poesía Versos na Barraca, que converterá a praza da Mosqueira no centro da poesía galega un verán máis».

Tarde e tardiña 2025:
 
3 de xullo. “Llar” de Federico Menini.
 
Llar (fogar en valenciano) é o encontro da arquitectura e das artes circenses coa madeira como protagonista. 
 
A búsca e construcción dun refuxio, unha morada, unha choza, o espazo onde un habita e sinte seguridade e calma.
O malabarista constrúe mediante equilibrios de elementos de madeira para chegar á estabilidade dos elementos, creando así unha linguaxe propia chea de sorpresas.
 
Tratase dun espectáculo orixinal, único e innovador para todos os públicos que combina humor, orixinalidade, ritmo e depurada técnica de malabares que sen dúbida non deixará indiferente ao espectador.
 
PREMIO MELLOR ESPECTÁCULO DE CIRCO E PREMIO MELLOR INTÉRPRETE MASCULINO DE CIRCO – PREMIOS IVC DAS ARTES ESCÉNICAS VALENCIANAS 2024
  
10 de xullo. “Pausa” de niMú. 
 
Unha pallasa e moitas maletas.
 
Un imprevisto viaxe conduciranos a un lugar onde a espera deixará de ser algo aburrido para se converter nun momento de xogo e de imaxinación sen límites.
 
niMú crea situacións absurdas, improvisadas, envoltas nun ambiente poético grazas ao acompañamento dun violonchelista en vivo.
 
“Unha PAUSA antes de volver á frenética viaxe que nos leva cara ningunha parte”
PREMIO SORBURU 2023. PROYECTOS EN CREACIÓN DE ARTEKALE
 
17 de xullo. “Circo Cambache” de Henriko.
 
Este espectáculo conta, en clave de traxicomedia, a historia dun antigo circo do século pasado, O Circo Cambuche.
 
Kike Castro, o derradeiro supervivente deste circo, lembra a historia da súa familia de funambulistas e o seu amargo final. Cada domingo pola tarde, visita a vella carpa da familia e fantasea coa lembranza do circo, tenta subir ao arame, como cando era neno, pero agora non se atreve. 
 
Diante dun público que só existe na súa imaxinación, un día atopa  unha muller que se asemella á súa avoa, a matriarca da familia do circo.
 
Ela dálle o valor para escalar o arame e percorrelo no seu monociclo e nel, o funambulista e mailo público viaxan nunha ensoñación compartida. O arame convértese no fío conductor que une presente e pasado, madurez e infancia.
 
24 de xullo. “Glamping” de SU.MA.
 
Tres amigos, tres personalidades, tres caracteres moi distintos embárcanse na aventura de pasar unhas vacacións xuntos.
 
Pero a convivencia non sempre é cousa fácil. E os conflitos toman parte na escena cotidiá dos campistas. Superarán os nosos personaxes o reto de compartir un espazo común con elegancia? Que pasa cando se torcen as cousas? «O roce fai o cariño», din…
 
Glamping é un espectáculo sobre as relacións humanas, onde calquera poderíamos ser ese personaxe en tensión, buscando a mellor maneira de resolver a situación. Teatro xestual, música, acrobacia aérea, danza e swing en clave de clown. Cando parece que todo está perdido… a creatividade xurde abrindo un camiño inesperado. 
 
31 de xullo. “Sen Patrón” de Pistacatro.
 
No mundo dos malabares, todo segue un patrón, unha orde, un ciclo perfecto que garante que as bólas non caian, que as mazas tracen o seu camiño no aire e que os diábolos xiren sen fin. Pero qué pasa cando tres malabaristas queren levar a batuta ao mesmo tempo?
 
En Sen Patróns, non hai quen mande, só mans que compiten e obxectos que voan por riba das súas cabezas nun aparente caos divertido e fascinante.
 
Tres cómicos que viven e se moven como os malabares que controlan, facendo patróns, ciclos que se repiten ata complicarse sen sentido.
 
Entre xogos de poder, equilibrios imposibles e moito humor, descubrirán que a verdadeira maxia non está en quen manda, senón en aprender a xogar xuntos.