A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, visitou Abrigueiro Estudios, onde se está a gravar a banda sonora da película María Solinha dirixida por Ignacio Vilar, que contará co apoio da área de Cultura para a súa promoción e a difusión na provincia.
O multiinstrumentista Abraham Cupeiro encárgase de poñer a música ao filme coproducido por Vía Láctea Filmes e Televisión de Galicia, que se estreará o 15 de maio en salas de todo o país. Os sons dunha corna, unha caracola e un cárnix -a trompeta celta que o músico sarriao converteu no seu instrumento insignia- fían o discurso sonoro da película, unha revisión contemporánea da lenda de Maria Soliña, construída arredor da persecución da Inquisición ás mulleres.
A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, remarcou “o bo momento polo que atravesa o audiovisual galego” e sinalou a “necesidade de aproveitar o vento a favor para apoiar un sector no que moita xente moza podería atopar unha oportunidade para desenvolver os seus coñecementos técnicos e o seu talento” e “que ten unha gran potencial na
normalización do idioma propio”.
A área de Cultura achegará 4.500 euros á promoción do filme na provincia, que se concretará nunha preestrea e na presentación da produción en diferentes centros educativos.
Sinopse
O filme, rodado integramente en galego, conta a historia dun afamado director chega a Cangas do Morrazo, en Galicia, para reconstruír no teatro a historia de María Solinha, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista da obra de teatro vai sufrir, no século XXI, acedos ecos da agresión que sufriu María Solinha no século XVII.
Elenco
A actriz Grial Montes, que debuta no cinema, encarna a Maria Solinha no filme que ten no elenco a Laura Míguez, Santi Prego, Mabel Rivera, Antonio Durán “Morris”, Mela Casal, Alfonso Agra, Fran Lareu, Fernando González, Melania Cruz e Sheyla Fariña.