Dúas historias de loita popular contra a represión do poder chegan esta semana a Codex Cinema. A primeira delas, este mesmo xoves día 27, é Nicaragua. Patria libre para vivir, un vibrante documental sobre as revoltas sociais contra o autoritario líder sandinista Daniel Ortega. O cineasta Daniel Rodríguez
Moya infíltrase nos diferentes grupos revolucionarios para dar unha visión ampla y poliédrica deste proceso de protesta e cambio iniciado en abril de 2018. Tres anos despois, os acontecementos que narra seguen sendo de actualidade xa que apenas nada cambiou desde entón. Ortega segue no poder e as forzas
opositoras continúan sufrindo a opresión.

A estrea do documental será nun pase único este xoves ás 20:15 e contará coa presenza do director para facer unha presentación do seu traballo. Unha opinión única de falar co responsable da película que ademais viviu na súa pel os momentos de maior tensión deste feito excepcional na historia recente de
América Latina.

Tamén de resistencia fronte ao poder fala Servos, o subxugante drama de Ivan Ostrochovský. Estamos na Checoslovaquia de 1980 cando o movemento de cambio da fracasada Primavera de Praga quedaba moi lonxe e o país estaba sometido a un control de facto do socialismo soviético, nunha época de gran
decadencia do sistema comunista. Neste contexto, seguimos a vida de dous seminaristas que se debaten entre ser fieis a súa fe ou someterse aos designios do Partido Comunista. A eterna loita entre a relixión e o Estado, entre a fe individual e o sentido colectivo desenvólvense neste filme filmado nun extraordinario branco e negro, sinalando xa desde a súa fotografía os grandes contrastes entre as dúas posicións ideolóxicas que se enfrontan no filme.

Esta extraordinaria obra presentouse na Berlinale de 2020 para ter a súa premiere española na Seminci de Valladolid onde conseguiu o premio á mellor dirección grazas ao milimétrico traballo de encadre e composición de Ivan Ostrochovský, un dos grandes nomes do cinema do seu país.

E por último contamos tamén coa estrea de Sweat, dirixido por Magnus von Horn, que fala dun tema de moita actualidade: a ditadura da imaxe e da presenza mediática a cal nos someten a diario as redes sociais. O filme segue a Sylwia, unha influencer de moda que converteu a súa vida nun anuncio de si mesma.
Seguimos a súa actividade diaria, convertida nunha transmisión en directo de como esperta, almorza, fai a compra… pero a mesmo tempo sentimos o vacío existencial dunha vida marcada pola imaxe exterior, a falta de obxectivos e de relacións que non sexan superficiais. Os perigos da fama e as violencias que
nacen nas redes sociais guían esta frenética película que foi seleccionada para participar na competición oficial do festival de Cannes de 2020 e que tamén pasou polo festival de Sevilla.