Esta semana a programación dos Codex inclúe dúas estreas que amosan a incrible saúde do cinema francés e un novo pase especial da retrospectiva adicada á cineasta húngara Márta Mészáros.

O domingo 30, ás 18:00, proseguirá en Codex a Retrospectiva Márta Mészáros coa proxección da longametraxe Non choredes, preciosas! (1970). Ás 18:00 o músico e doutor Alfonso Espiño presentará o filme. 

Márta Mészáros foi a primeira directora en gañar o Oso de Ouro da Berlinale en 1975 polo seu filme Adopción. Realizadora sempre comprometida a
documentar os cambios da súa sociedade a través da mirada e os sentimentos de mulleres que non se deixan amedrentar polas circunstancias, o seu cinema recolle ecos da Nouvelle Vague francesa e dos clásicos soviéticos cos que se educou. 

En Non choredes, preciosas! a directora, fiel á súa vontade de retratar a época na que filma, roda con verdadeiras bandas beat do momento, claramente influenciadas polos Beatles. Capta a escena musical e recolle a rebeldía dunha xeración que soña con romper as constricións sociais, en contra da tradición e o poder político. 

O aspecto documental é moi forte neste filme enérxico, que usa os temas musicais da súa notable banda sonora para apuntalar esta idea de constante movemento e efervescencia da mocidade. A un nivel máis persoal, volve ser a historia dunha muller que aprende a tomar as súas propias decisións.

Esta semana tamén estrean Os cinco diaños, nova longametraxe da directora francesa Léa Mysius. 

O filme causou moi boas sensacións na Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes e na Sección Oficial do Festival de Sitges; conta ademais co protagonismo de Adèle Exarchopoulos, unha das actrices máis recoñecidas no cinema do país galo dende a súa participación en A vida de Adéle (2013), e de Sally Dramé. 

O olfacto en calidade de sentido especialmente relacionado coas lembranzas e a evocación vertebra a trama do filme. A fantasía é un dos elementos principais do filme, no entanto para a directora era importante trasladar tamén elementos sociopolíticos doutro continente a Francia. A mitificación do
territorio, cun influencia do cinema e literatura americanos, trasládase aquí aos Alpes. 

O desexo da directora era “amosar unha Francia que non vemos habitualmente no cinema, e falar dunha familia francesa de hoxe en día nun pobo francés, tamén de hoxe en día, con problemas actuais. Quería que a película fixera reflexionar sobre a nosa sociedade, as nosas eleccións vitais, os nosos enganos e obsesións. O fantástico é só un medio, non un fin en si mesmo”.

A outra estrea da semana en Codex é O oficio de aprender, novo filme de François Favrat.

A película está inspirada no traballo das compagnons, organizacións de artesáns moi frecuentes en Francia, que forman a mozos e mozas nestes oficios. Dentro destas organizacións hai uns valores fundementais que percorren a película: a axuda mutua e o traballo manual; unha forma de vida que, debido a prexuízos, pode resultar anticuada nun presente tan individualista e interconectado como o que vivimos.

Ante isto O oficio de aprender é unha película que racha coa velocidade actual dos tempos e convida ao repouso da mirada, ao traballo coas mans e á solidariedade como valor fundamental para contruibuír a manter viva unha forma de vida en risco de desaparición. Cómpre suliñar que no filme actúan a prestixiosa actriz e directora Agnès Jaoui xunto á emerxente Najaa Bensaid e o veterano Pio Marmaï.