A posta en valor de Lugo e a provincia como escenarios de películas e series é o eixe da campaña para impuslar o turismo a través do audiovisual que presentou a Deputación de Lugo en FITUR: «Lugo, provincia de cine»

O excelente potencial da provincia como fonte de inspiración e como escenario de producións está máis que demostrado con producións xa realizadas: O Sabor das Margaridas, Doghs, O que Arde ou Live is Life, por citar só algunhas das máis recentes.

Lugo, provincia de cine

Co proxecto Lugo, provincia de cine, a Deputación pretende consolidar “un modelo de turismo sostible, non masificado, cunha oferta de calidade e diversificada, vinculado coa natureza, o patrimonio cultural, a historia e a gastronomía”, incorporando “ás múltiples opcións” existentes na actualidade “o turismo ligado ás rodaxes, buscando a complicidade da ilusión, o dinamismo e a maxia que sempre suxire a produción audiovisual”, explicou o Presidente, José Tomé.

Fonte: Gab. Com. Deputación Lugo
Experiencias

A Deputación de Lugo contou para a presentación de Lugo, provincia de cine coa participación de representantes do sector audiovisual que aportaron o seu punto de vista acerca dos valores da provincia de Lugo como fonte de inspiración e escenario de rodaxe.

O presidente e fundador de CTV, Ghaleb Jaber Ibrahim, destacou a versatilidade e o “extraordinario potencial da provincia de Lugo como plató de cine e televisión”. CTV, con case 40 anos de historia, é a produtora de O Sabor das Margaridas, que achegou unha historia rodada en paisaxes da provincia a más de 200 países.

Pola súa banda, Suso López, productor de Gaitafilmes, radicada en Meira, destacou que “nos últimos anos producimos dúas longametraxes aproveitando en boa medida as facilidades e o potencial humano, técnico e creativo que nos ofrece a provincia de Lugo como un espazo para o cine” e engadiu que “pouco a pouco se está a asentar unha convivencia cinéfila na provincia grazas aos proxectos pequenos e ás rodaxes de entidade”.

Iván Patiño, produtor audiovisual de Amanita Films e organizador de FanCine, en Monforte, destacou que a “exhibición e distribución son tamén patas fundamentais para crear una industria e unha experiencia visual diferente”. Así mesmo destacou que o FanCine realiza proxección en bosques de castaños ou bodegas “que fan que a experiencia de ver cine quede gravada para sempre”.