Melanica Cruz presenta "Ons" en Lugo

Este venres chega unha nova gran película a Codex Cinema que continúa a aposta decidida polo cinema de autor feito en Galicia. Trátase de Ons de Alfonso Zarauza, un fascinante thriller psicolóxico que transcorre na marabillosa paisaxe das Illas Atlánticas. O filme ten como protagonistas a Melania Cruz
e Antonio Durán “Morris” e presentouse con grande éxito no festival de Sevilla. En Cineuropa, o certame compostelán, Alfonso Zarauza recibiu un premio honorífico no que supuxo a estrea oficial da película en Galicia.

O filme segue a historia dun matrimonio en crise que chega a illa de Ons para superar os seus problemas. A vida solitaria parece sentar ben á parella, pero pouco a pouco déixanse dominar polos seus soños e desexos, nunha intriga onde nunca se sabe moi ben que é real e que non. Zarauza manexa con gran
habilidade as claves do suspense apoiado nun maxistral traballo de cámara onde a maioría de escenas se solucionan en apenas un único plano secuencia. Un exercicio de naturalismo cinematográfico que se aproveita da esplendorosa riqueza natural da zona das illas Atlánticas.

Para apoiar a estrea do filme, este domingo día 20 ás 18:00 hai unha sesión moi especial do filme. Estarán a protagonista principal Melania Cruz e o produtor Xavi Font para presentar o traballo e ter un coloquio posterior co público. Pero non só iso, senón que tamén previamente á
proxección do filme, a banda Chicharrón ofrecerá un breve recital como acompañamento do filme. Este formato de concerto máis proxección foi presentado recentemente no Culturgal e Lugo será unha das primeiras cidades nas que se desfrutaremos del. Sen dúbida, unha gran iniciativa para tratar de activar o
sector cultural tan afectado pola crise. Una idea transversal da cultura da que Codex Cinema xa participou en anteriores ocasións e que será moi importante no futuro para a supervivencia das industrias culturais en Galicia.

Chicharrón é unha das bandas novas galegas que mellor acollida crítica está tendo nesta última década en todo o panorama español. Formouse en Carballo no ano 2014 e xa levan editados tres discos. A súa relación artística con Alfonso Zarauza non se reduce a Ons (onde unha das escenas conta coa súa música) senón que xa no ano 2017 o cineasta compostelán dirixiu o videoclip do seu single Contra acantilados. Polo tanto, o recital de Chicharrón xunto á proxección de Ons é a performance perfecta para desfrutar da banda e do filme, e pechar este ano 2020 coa mellor cultura galega.