O cinema onírico e poético do galego Pinzás nos Codex con "El corazón de Europa"

Codex Cinema estrea esta semana «El corazón de Europa», segunda parte da Trilogía Europea iniciada en 2017 polo galego Juan Pinzás con El vientre de Europa.

Cun estilo decididamente onírico e poético Pinzás presenta unha galería de personaxes simbólicas encabezada por Julián Pintos, alter ego do propio director, a misteriosa Máscara de Plata ademais de Esther e Diana, musas, respectivamente, da comedia e da traxedia.

Atrapados nun enigmático túnel do tempo comezan unha viaxe na procura do corazón dunha Europa nese momento asolada pola pandemia.

O vigués Juan Pinzás é un dos directores galegos que goza dunha traxectoria máis lonxeva. Iniciouse no eido da curtametraxe a finais dos anos setenta xunto á súa parella Pilar Sueiro, actriz e produtora habitual do universo fílmico do director. 

Debuta na longametraxe en 1986 con La gran comedia. Dende entón realizou outras nove películas. Cómpre salientar a súa triloxía Dogma, certificada oficialmente por Lars von Trier, e constituída por Érase otra vez, Días de boda y El desenlace.

A outra estrea desta semana é «Costa Brava, Líbano», debut na longametraxe de Mounia Akl que conta coa española Clara Roquet en calidade de coguionista. 

O filme ten no seu reparto á afamada actriz e directora libanesa Nadine Labaki e gozou dunha bo percorrido polo circuíto de festivais, gañou o Premio Especial do Xurado no Festival de Sevilla, o Premio NETPAC no Festival de Toronto e foi seleccionada para concursar no Festival de Venecia e no barcelonés D’A Film Festival.

En Costa Brava, Líbano as súas personaxes optan por irse a vivir ata a montaña para fuxir dunha realidade urbana adversa en varios eidos, o político, o social e o ecolóxico. 

No entanto a utopía resólvese como algo inviable cando instalan un vertedoiro ao lado da vivenda familiar. Só restará confrontar a problemática da que se foxe. 

A directora fala do que é vivir no Líbano, un país sempre ao borde da apocalipse que obriga a vivir só no presente e no que non é posible durmir con tranquilidade. Akl reflexiona sobre as verdades e defectos que xorden nas persoas nestes momentos de crise, que moitas veces optan por negar a realidade ou mesmo pola impulsividade. 

Estas circunstancias permitiron aos libaneses apostar pola imaxinación, o
sentido do humor e vivir dunha maneira visceral. Mounia considera que hoxe en día imposibilitouse esa vía de escape e, polo tanto, a distopía invadiu os corazóns da xente.