Na nova semana de estreas en Codex Cinema destaca O pai, a cinta de Florian Zeller que pasou polos festivais de Toronto e San Sebastián (onde gañou o premio do público cunha nota de 8.96 sobre dez) e que chega finalmente a Lugo para que o público da cidade se marabille cunha nova clase maxistral de
actuación do gran Anthony Hopkins. Nesta ocasión, o intérprete británico ponse na pel dun home de oitenta anos que despois dunha vida marcada polo seu individualismo e autosuficiencia ve como pouco a pouco pasa a ser dominado pola inevitable decadencia e unha cada vez máis marcada dependencia. A
película rexistra de forma tan humana como dolorosa a relación coa súa filla, que ten que compaxinar os deberes da súa propia vida cos coidados do seu pai.

A crítica internacional celebra o gran duelo de actores entre Hopkins e Olivia Colman, dous gañadores do Óscar que volven a estar este ano nas quinielas para facerse co prezado trofeo. Para Hopkins sería a culminación a unha obra excepcional tanto no campo do teatro como no cinema. Se ben foi unha autoridade das táboas durante varias décadas con papeis en obras de autores tan reputados como William Shakespeare, Sean O’Casey ou Harold Pinter, seguramente o recoñecemento universal non lle chegou ata a súa abafante interpretación do maníaco Hannibal Lecter no clásico O silencio dos cordeiros, pola que recibiu o seu único Óscar. A partir de entón, foi unha referencia no cinema americano, chegando a interpretar a dous presidentes daquel país, Richard Nixon e John Quincy Adams, ademais de outras famosas celebridades como Pablo Picasso, Alfred Hitchcock e mesmo o Papa Benedicto XVI (no filme Os dous papas, que xa se puido ver en Codex o ano pasado). Unha carreira extraordinaria e chea de galardóns na que O pai parece ser un novo achádego.

Xunto a esta cinta tan aclamada chega tamén este venres Máis alá das palabras, o tremendo drama de Urszula Antoniak sobre a discriminación racial en Alemaña. A historia dun home de orixes polacas que trata de ocultar a súa procedencia ao tempo que leva unha vida superficial e marcada polo exceso,
símbolo do triunfo dos valores capitalistas e da perda da identidade. Unha película filmada nun prodixioso branco e negro e que é unha mostra máis da grandeza do audiovisual polaco recente, que xa triunfou internacionalmente con filmes como Ida ou Cold War, que foron producidas polo mesmo equipo que este filme.

Por último, continúan os pases de Ons e Desexando amar, dúas das grandes sorpresas das billeteiras españolas. Nos datos do pasado fin de semana, aparecen como segunda e terceira mellor película en canto a recadación por copia. Dúas estreas pequenas pero que enchen as salas onde se proxectan. Un logro maiúsculo se temos en conta que se trata dun filme en galego e dunha película chinesa de hai vinte anos.

Estes dous éxitos reflicten os cambios que se están a producir no consumo audiovisual e as necesidades de cambiar a oferta cinematográfica nas salas, por produtos máis exclusivos, filmes que conten historias de verdade e non pura consumición esquecible. É o compromiso de Codex Cinema desde a súa apertura.