Inauguración da exposición do proxecto 𝐶𝑜𝑟𝑐𝑜sendo
O sábado 18 de maio de 2024 ás 12,00 h. terá lugar no Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo a inauguración da exposición do proxecto 𝐶𝑜𝑟𝑐𝑜sendo organizada pola sección de Audiovisuais do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da Rede Museística Provincial, e coordinada por Patricia Coucheiro, Sara Coello, Antía Montes e Susana Varela.
Contarase na inauguración coa performance de Helena Salgueiro e a actuación do grupo Zoelas, que interpretará a canción que compuxo para o proxecto.
Corcosendo é un proxecto antropolóxico-artístico destinado a recuperar a memoria oral da Comarca da Ulloa, centrándose no importante papel que o oficio da costura xogou na vida das mulleres da comarca.
A través de entrevistas persoais as coordinadoras da Sección de Audiovisuais do IEU rexistraron a memoria das costureiras da Ulloa e isto inspirou a creación de diversas iniciativas artísticas e culturais.
A mostra na Sala de exposicións do Pazo San Marcos comprende a instalación de máis de 30 fotografías de costureiras intervidas pola artista téxtil Verónica Ramilo, acompañadas por fragmentos textuais dos seus testemuños, así como a videoproxección de Xabier Mailán As mans núas de quen nos vestiu.
O proxecto inclúe Arquitecturas da Memoria, unha iniciativa dinamizada polo Colectivo Agrocuir, a Cooperativa Indaga e a Aula das artes da Universidade Carlos III. Esta aplicación móbil de xeolocalización permítenos explorar as rúas do centro de Lugo, revivindo a memoria oral da costura. Invítanos a deternos a escoitar as voces das súas protagonistas en puntos da cidade relacionados co oficio.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte