O MIHL promove a lectura nas nenas e nenos de Lugo
Acolle cada ano  máis de 20 actividades gratuítas co obxectivo de incentivar a ler e a acudir á Biblioteca Municipal

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, achegouse ata o MIHL, onde se están a celebrar as actividades de animación á lectura organizadas pola área de Cultura e dirixidas ás nenas e nenos de Lugo.

«Con estas actividades pretendemos achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero», explicou Maite Ferreiro.

A área de Cultura utiliza o MIHL para estas actividades, «promocionando tamén esta instalación, as súas exposicións e a súa singularidade», explicou a edil de Cultura, que engadiu «estas actividades contan sempre cunha gran participación por parte do público, achegándose cada ano máis de 800 nenas e nenos nos distintos ciclos de programación».

As actividades de Animación á Lectura e Contacontos divídense en catro trimestres, realizándose unhas 20 actividades ao longo do ano. Cada unha delas, está adaptada para as distintas idades das nenas e nenos participantes, achegando actividades de lecer para nenos desde 1 ano ata os 12 de xeito totalmente gratuíto para as familias.

As entradas para os espectáculos poden retirarse de xeito gratuíto a través do portal entradaslugo.es. Cada espectáculo conta cunha cabida de 70 persoas, permitíndose o acompañamento dun adulto.