A UNED de Lugo únese á celebración do Día Internacional do Multilateralismo e Diplomacia para a Paz cunha iniciativa que busca fomentar os valores de cooperación internacional e resolución pacífica de conflitos desde a infancia.
Unha iniciativa que se desenvolve dentro do programa #UNEDFutura e no cal as promotoras Ana Belén Traseira e Carlos García apuntan que “nun mundo cada vez máis interconectado é fundamental promover a paz e a colaboración desde unha idade temperá”.
Con este obxectivo en mente, organizouse un obradoiro de cometas para nenas e nenos, unha actividade lúdica e educativa que busca estimular a creatividade, o traballo en equipo e a comprensión da importancia da paz e a colaboración entre nacións.
As cometas, coas súas diversas cores e formas, simbolizan a diversidade e a unidade na busca dun mundo máis pacífico e xusto para todas e todos.
Durante o obradoiro que coordinará Can de Papel, as crianzas terán a oportunidade de deseñar e construír as súas propias cometas, aprendendo sobre a física básica do voo de cometas e desenvolvendo habilidades prácticas mentres traballan en equipo con outras persoas participantes.
Ademais, levarase a cabo a lectura dun manifesto que promova a reflexión sobre a importancia do diálogo, a tolerancia e o entendemento mutuo na construción dun mundo mellor.
As prazas serán limitadas a un total de 15 crianzas.
Para máis información sobre a actividade: https://extension.uned.es/actividad/37269&codigo=TDCE
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte