17.7 C
Lugo
Sáb, 23 Nov 2024
Cargando Eventos

« Todos los Eventos

  • Este evento ha pasado.

Presentación do libro «Lugo blues»

18 de abril - 19:00

Presentación do libro «Lugo blues»

O xoves 18, ás sete da tarde, presentarase o libro Lugo blues, do poeta lucense Claudio Rodríguez Fer, publicado por Alvarellos Editora e ilustrado pola artista tamén lucense Sara Lamas, na Librería Trama (Av. de A Coruña, 21, Lugo).

Cando en 1987 apareceu a primeira edición de Lugo blues, de Claudio Rodríguez Fer, axiña se converteu nun libro de culto, e os seus versos –que percorren a memoria persoal do autor mais tamén interpelan a nosa memoria colectiva– ían pasando de man en man descifrando o espírito desta cidade amurallada.

Agora, tantos anos despois, era tempo de regresar a esta gran creación de Claudio Rodríguez Fer, que aquí revisa e amplía con numerosos poemas, e que incorpora o suxestivo traballo artístico de Sara Lamas.

É un Lugo fondamente emocional e vital, un Lugo sentido como refuxio, mais tamén
un Lugo dende o que trazar a medida do mundo. E, por riba de todo, achéganos a memoria histórica dunha cidade onde comparecen Pimentel, Lorca, Fole, Ángel Johán, Juana Capdevielle, Urania Mella, o doutor Vega Barrera ou Díaz Baliño, entre moitos outros daquela tribo dos vencidos, mais nunca derrotados.

Claudio Rodríguez Fer é poeta, narrador, dramaturgo e ensaísta lucense de moi longa traxectoria humanista. Reuniu a súa poesía en Amores e clamores e a súa narrativa en Contos e descontos, ademais de cultivar a poesía visual e obxectual en Cinepoemas e Corpoética. Moi traducido e premiado dentro e fóra de Galicia, o seu poema «A cabeleira» publicouse en setenta linguas dos cinco continentes da Terra. Dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela e foi profesor visitante en
Universidades de Nova York, París e Bretaña (onde é Doutor Honoris Causa). Coordina os cadernos Unión Libre e é autor de ensaios e edicións sobre Dostoievski, Tolstói, Verne, Antonio Machado, Borges e moi numerosos autores galegos, especialmente lucenses, como Pimentel, Ángel Johán, Fole ou Cunqueiro.

Sara Lamas é artista que cultiva a pintura, o debuxo, o gravado, a artesanía e o deseño, con obra exposta e reproducida nun gran número de publicacións, especialmente de Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, María Lopo e Olga Novo.

Detalles

Fecha:
18 de abril
Hora:
19:00
Categoría del Evento:

Local

Librería Trama
Avenida A Coruña, 21
Lugo, 27003
+ Google Map
Ver la web del Local