A delegación de Lugo de ADEGA organiza un novo roteiro este domingo, 16 de marzo, polo concello de Barreiros, no que poderemos coñecer a mina romana da Cova e a fraga de Santo Estevo do Ermo. O percorrido, de dificultade media-baixa, terá unha lonxitude total de 8 Km (6 Km pola ría e 2 Km pola fraga).
O punto de encontro será o local de ADEGA, en Ronda das Fontiñas 180, Lugo, ás 9:00 horas, para coordinar os coches ata o punto de inicio da ruta en Viladaíde. Sobre ás 10.30h comezará a camiñata cara á ribeira da ría de Foz. Neste tramo, faremos unha pequena travesía pola zona intermareal, seguindo un percorrido con fermosas vistas da ría ata chegar á zona da mina romana de ouro da Cova.
Ao longo deste tramo, poderemos observar numerosos vestixios desta antiga explotación aurífera. Pasaremos pola lagoa de Pallares ou dos Patos e chegaremos ata o lugar de Pallares. Dende alí, regresaremos aos coches por pistas e camiños que atravesan esta extensa explotación romana.
Unha vez de volta en Viladaíde, colleremos os coches para desprazarnos ata a fraga de Santo Estevo do Ermo, onde xantaremos. Pola tarde, realizaremos un pequeno pero intenso percorrido polos tesouros que agocha esta máxica fraga. Durante esta parte da ruta, faremos unha parada na parcela adquirida pola Fundación Eira da Xoana de ADEGA, Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo. O percorrido pola fraga require especial precaución, xa que hai tramos húmedos e esvaradíos, polo que é recomendable levar bastóns.
Chegaremos ata a Fonte de Santa Rosa, onde as persoas participantes poderán seguir o rito ancestral de deixar un anaco de tea ou pano de fibras naturais na contorna da fonte. Dende este punto, regresaremos ao inicio pasando polo Revertedoiro (fervenza).
Información e reservas
As persoas que estean interesadas en reservar praza terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13h do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición. Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades, cun prezo de 6 euros.
Axenda Cultural de Lugo.
https://www.facebook.com/vivalugo