Xullo 2018 A partir do 2 de xullo e ata o 31 de agosto poderá visitarse no Refectorio do Museo Provincial de Lugo a 3ª parte do proxecto expositivo “Percorridos pola colección numismática do Museo Provincial de Lugo”, nesta ocasión dedicado aos ‘Tesouriños’, actividade encadrada dentro do programa de investigación do Departamento de Arqueoloxía/Historia do Museo Provincial de Lugo. 

Comisariada por Aurelia Balseiro García, Ofelia Carnero Vázquez e Enrique Alcorta Irastorza, os tesouriños amosados de xeito monográfico nesta mostra, abranguen unha categoría específica dos achados numismáticos, entendendo este concepto como unha acumulación de moedas ocultadas e, polo tanto, inmobilizadas temporalmente coa intención de recuperalas. Tal e como establece Ignacio San Vicente (1999), existen varios tipos: os tesouriños de emerxencia, os de aforro e atesouramento, os tesouriños de bolsa, etc.

Os tesouriños forman conxuntos de diversas cronoloxías e épocas históricas e son unha gran fonte de información sociocultural, económica, antropolóxica, histórica, política, relixiosa, artística… Asociados sobre todo a tempos de crise, os que chegaran ao MPL, produto de achados casuais ou escavacións arqueolóxicas, son once romanos e dous medievais procedentes do antigo Conventus Lucensis, que nos están a proporcionar datos sobre o noso pasado.

Horario de visitas MPLugo

Luns a venres: 9:00 a 21:00 h.

Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.

Domingos e festivos: 11 a 14 h.

Entrada gratuíta

 

Este proxecto expositivo está relacionado coa colección de numismática, cuxa divulgación comezouse coa participación en congresos científicos especializados. No ano 2014: “Congreso Nacional de Numismática” (MAN, Madrid), 2015: “3.º Congreso Internacional de Arqueoloxía de Vilalba” (MUPAV, Vilalba, Lugo) e “III Seminario sobre la investigación en los museos” (Museo Arqueoloxía, Biscaia), para poñer en valor e promocionar esta parte dos fondos arqueolóxicos conservados nesta institución museística.

No mesmo programa de traballo, paralelamente, continuouse con outros proxectos divulgativos, neste caso co deseño, organización e realización de exposicións temporais baixo o título xenérico de: Percorridos pola colección numismática do Museo Provincial de Lugo, que puideran itinerarse por outros centros da provincia de Lugo baseándose nunha cesión gratuíta, previa solicitude. Dende o ano 2016, data da primeira mostra, levamos realizado cinco, incluso fóra dos límites provinciais inicialmente previstos.

No ano 2016, presentamos a mostra sobre moeda prerromana, romana e medieval hispana, no 2017 a moeda moderna e contemporánea e, agora, no 2018 Tesouriños da colección numismática do MPL. Para vindeiras edicións proxectamos amosar a moeda estranxeira e, finalmente, as medallas.