Laxeiro reloce no Museo Provincial de Lugo. A sala de gravado e debuxo galego amosa un novo debuxo do artista.

O Museo Provincial de Lugo ven de incorporar un novo debuxo do artista, “Maternidade”, que ata agora non figuraba na exposición estable. Ademais, as outras tres obras do autor – “Cabeza de neno”, “Cristo” e un debuxo con cor no que emprega a técnica de pastel- foron reenmarcadas para mellor as súas condicións de conservación.

As catro obras foron adquiridas polo Museo Provincial de Lugo á Galería Citania de Santiago de Compostela no 1980. 

Trátase de catro debuxos sobre papel executados con distintas técnicas que nos aproximan ao seu singular mundo creativo e permítennos apreciar algunhas das súas principais características

En «Cabeza de neno” aínda pervive o artista máis tradicional e preocupado pola pola representación, pero que manexa con soltura a liña e a mancha, as sombras e as luces, para insinuar as faccións, sen definilas, e dar volume ao rostro.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, visitou a sala de gravado e debuxo galego do Museo Provincial de Lugo tras as intervencións realizadas para poñer en valor a obra de Laxeiro. Foto: Gab. Com. Vicepresidencia Deputación.

En “Maternidade” o debuxo é máis esquemático, “picassiano”, potenciado polo uso da tinta negra, un medio que utilizaría con frecuencia e co que séntese moi cómodo. A fluidez da tinta permítelle unha execución rápida, manexar con soltura o pincel e combinar as liñas de distintos grosores e as manchas opacas, de negro profundo, coas gamas de grises augados. Nos debuxos, como nas pinturas, afai cubrir a maior parte da superficie, neste caso do papel. Ás veces adoita valerse tan só do trazo xestual para encher os ocos. Pero tamén sabe xestionar os baleiros, respectar as zonas que deixan á vista o branco do papel.

Nun dos debuxos, a obra Sen título utiliza principalmente a técnica do pastel e entra en relación directa coa pintura, tanto pola aplicación da cor como pola disposición do grupo de figuras deformes, grotescas, apiñadas, común en boa parte das súas composicións pictóricas. Unha maraña de liñas orgánicas que conectan cos seus cadros expresionistas, aqueles nos que despregou un particular imaxinario de lendas, mitos e ritos, contos populares, contos de cegos; festexos e celebracións, romarías e entroidos que manexou cunha linguaxe renovadora.

O debuxo titulado “Cristo” é seguramente o que se atopa máis ao límite entre a figuración e a abstracción. Esta peza de pequeno formato, que entronca co tema relixioso, outra das preocupacións do pintor, proporciónanos unha mostra clara da capacidade do artista para articular ambos rexistros e é o deseño que mellor poderiamos relacionar co informalismo, que tanta influencia tivo na evolución da obra de Laxeiro. A obra está asinada e datada en 1978.