Fonte: Gabinete Comunicación Campus Terra USC

DEC 2017 A Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC pon en valor a relevante pegada que deixaron 19 figuras femininas na historia da educación a través dunha exposición elaborada polo alumnado da materia ‘Teoría e Historia da Educación Escolar’, impartida polo profesor Francisco Candia.

A exposición, que se desenvolve baixo o título ‘Educación en feminino: un paseo pola historia’, recolle a través de 30 carteis algunhas das achegas máis relevantes que fixeron ao longo da historia 19 mulleres escollidas polos estudantes.

O percorrido pola historia da educación que ofrece esta mostra desde unha perspectiva feminina é amplo. De feito, entre as figuras seleccionadas nesta escolma atópanse referentes históricos como Safo de Lesbos, Hipatía de Alexandría, Jeanne de Lestonnac, Concepción Arenal, Elisa Sánchez e Marcela Gracia.

Ana Mansfielld Sullivan, Helen Adans Keller, Nadezha Krupskaya, Rosa Sensat i Vilá, María de Maeztu, Matilide Huici Navaz, Ángeles Alvariño, Antía Cal, Marta Ángela Mata Garriga e María Nicolasa Palau Barbeito son outras das mulleres protagonistas desta escolma.

Unha mostra que tamén lembra o relevante cometido desenvolvido polas mestras da montaña, como Ermitas Fernández, Teresa Sanz ou Concepción Casas, ou mesmo polas promotoras de dinámicas a prol de facer accesibles ao alumnado feminino as disciplinas STEM, Danina Mekellar e Debbie Sterling.

A exposición ‘Educación en feminino: un paseo pola historia’ permanecerá aberta no vestíbulo da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo ata o vindeiro 19 de xaneiro de 2017.

COMPARTE ESTE ARTIGO NAS TÚAS REDES