Novas obras de arte no Museo Provincial de Lugo

O Museo Provincial de Lugo ampliou os seus fondos co ingreso de dúas pezas cedidas polos herdeiros do investigador e académico José Luis Basanta Campos. Trátase dun xoguete-triciclo con cabalo de madeira, estrutura metálica e asento de bimbio de 1930 e un reloxo de sol vertical ortomeridiano realizado en lousa de pizarra con motivos decorativos e inscrición datado en 1953.

José Luis Basanta Campos, nado na Fonsagrada e de familia chairega, doou no ano 2010 unha colección de obxectos que abranguen varias tipoloxías de xoguetes datados entre o s. XIX e mediados do s. XX.

O Museo fixera daquela unha exposición temporal para amosar este legado que logo sería ampliado incrementando a colección de Etnografía e Artes Decorativas. 

A colección de xoguetes consta de corenta pezas que abranguen tipoloxías de xoguetes tan dispares como medios de transporte, instrumentos musicais, aparellos de cine (un zoótropo ou un Ombro Cinéma), xogos de
construción, de taboleiro, ou pezas tan curiosas como as miniaturas de chumbo relixiosas para “dicir misa”, á que agora se une o triciclo con cabalo de madeira.

O outro ben cultural ingresado complementará a colección de reloxos de sol do Museo Provincial de Lugo, que se atopa exposta acotío no claustro.

A directora do Museo, Aurelia Balseiro, sinalou que «o agradecemento institucional a José Luis Basanta faise extensivo aos seus fillos que son quen agora doan estas pezas en nome de seu pai falecido, e tamén lembramos a todas as persoas que desde a creación do Museo Provincial de Lugo en 1932 levan contribuído xenerosamente ao incremento das coleccións”