OUTUBRO 2018 A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este venres, no patio central do Vello Cárcere, a mostra itinerante Retratos sobre fondo negro, que recolle a experiencia de superación de Pilo Gallizo. É unha exposición froito dunha serie de visitas que tivo na casa Gallizo como consecuencia dun período de convalencia dunha enfermidade, no período dun ano, que lle provocou a perda do 70% da visión. 

No acto, Carmen Basadre puxo en valor este mostra, coa que Concello e Asociación Tiresias Galicia conmemoran o Día Mundial da Visión, que coincide o xoves, 11 de outubro. Así mesmo fixo fincapé nesta iniciativa cultural que pretende ser tamén un acto de concienciación e de apoio a todas as persoas con baixa visión, ao tempo que se emprega a fotografía como feramenta para a transformación social.
Retratos sobre fondo negro recolle 41 imaxes. Poderán verse nas celdas do Vello Cárcere dende o martes, 2 de outubro ata finais de decembro. A inauguración terá lugar o propio martes, ás 20:00 horas e contempla un concerto de Guadi Galego & Guillerme Vázquez.

Inauguración Exposición Retratos Sobre Fondo Negro

O día 2 de outubro, as 20,00h, en O Vello Cárcere de Lugo, a Concellería de Cultura, en colaboración coa Asociación Tiresias Galicia, Discapacidade Visual: B1+B2+B3, co gallo do Día Mundial da Visión, que se celebrará como cada ano o segundo xoves de outubro, organizan un acto de sensibilización e visibilización da discapacidade visual.

Neste acto intervirán Carmen Basadre, concelleira de Cultura, do Concello de Lugo, Lourdes Díaz Sánchez, presidenta da Asociación Tiresias Galicia e Pilo Gallizo, autora do proxecto fotográfico Retratos Sobre Fondo Negro.

O punto central do acto será a inauguración dun proxecto fotográfico de superación persoal dunha persoa con discapacidade visual, Retratos Sobre Fondo Negro, da que es autora Pilo Gallizo e que nos relatará a súa experiencia persoal. Esta exposición estará aberta ata finais de decembro.

O acto rematará cun concerto de Guadi Galego e Guillerme Vázquez, persoas comprometidas e loitadoras contra todas as discriminacións que padecen as persoas: por ser mulleres, por ser diferentes, por querer ser libres… e unha das mellores voces do noso país.

Asociación Tiresias Galicia

A invisibilidade que sofre as persoas con discapacidade visual é unha traxedia evitable que nós, como sociedade, non podemos aceptar, porque a doenza física non pode mudar en doenza social.

Por iso queríamos poñerlle un nome á nosa Asociación e por iso apareceu a figura de Tiresias, porque as visións do mediador Tiresias inspiraban á xente a resolver os seus problemas e superar as súas dificultades, e ese espírito é o que a Asociación Tiresias Galicia, quere por en marcha con actividades coma esta, pois a inclusión efectiva das persoas con discapacidade visual, é tamén un capital que reverterá na nosa sociedade, facendo do mundo un lugar mellor.