Desde o 2014, a través do Portal das Palabras posto en marcha pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, celébrase a escolla da Palabra do Ano. As seis palabras do ano escollidas até o de agora son: corrupción (2014), refuxiados (2015) , irmandade (2016) , afouteza (2017) , deseucaliptización (2018) , sentidiño (2019) e Nós (2021) . A última das palabras gañadoras, Nós, fai referencia a toda unha xeración e Castelao titulou, con acerto, os debuxos deste proxecto co pronome tónico da primeira persoa do plural porque as tres letras que o conforman abondan para retratármonos como pobo, como cultura.

O Alcalde en funcións e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, xunto con Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, visitaron a rúa Menorca onde se veñen de instalar as distintas palabras do ano escollidas desde o 2014 ao 2020. A rúa Menorca foi o lugar escollido por tratarse dunha rúa peonil e moi transitada.

Rubén Arroxo afirmou que «con esta iniciativa queremos seguir coa mellora da imaxe da cidade ao mesmo tempo que poñemos en valor un símbolo tan importante como a lingua galega». «Seguiremos colocando, cada ano, a palabra que a Real Academia designe como palabra galega máis utilizada» dixo Rubén Arroxo que engaidiu «o futuro da nosa lingua está vivo e as palabras de cada ano pasan a formar parte do idioma xa que sintetizan parte da realidade de cada época».

Para a colocación das palabras utilizouse un material duradeiro e que permitirá unha boa e sinxela visibilidade do texto. Vai acompañando a cada verba o ano no que foi nomeada pola Real Academia, no Portal das Palabras, como palabra do ano.

Fonte: Gab. Com. Cultura Concello de Lugo