Bala, Biznaga, Lia Kali, Tanxugueiras e máis nos concertos do San Froilán 2025.
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan os primeiros concertos que dan forma á programación da gran festa do outono galego.
Xoel López, Consorcio, Guadi Galego, Vera Fauna, Patáx e Lucía Pérez completan este primeiro anuncio.

Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron os primeiros concertos que comezan a dar forma ao programa das festas de San Froilán 2025, «a volta da gran festa do outono galego, que entre o 4 e o 12 de outubro encherá as rúas de Lugo con preto de 200 actividades distintas, máis da metade delas musicais, dando lugar a un programa do San Froilán no que todas as veciñas e veciños de Lugo atoparán unha actividade do seu gusto», afirmou Maite Ferreiro, que engadiu «hoxe presentamos os principais concertos das festas, con artistas como as Tanxugueiras, Xoel López ou Biznaga, e nas vindeiras semanas continuaremos a ampliar as actividades que darán forma á nova edición da gran festa do outono galego».
Ferreiro confirmou ás Tanxugueiras, Xoel López, Lia Kali, Consorcio, Guadi Galego, Biznaga, Bala, Vera Fauna, Patáx e Lucía Pérez como primeiros nomes da gran festa do outono galego.
Ademais, a área de Cultura continúa a traballar nas distintas cuestión técnicas e organizativas das festas, como a licitación das tres casetas do polbo, que abrirán entre o 26 de setembro e o 2 de novembro, co polbo a 15€ a ración, ou a feira Gastroarte e o recinto feiral.
A edil de Cultura afirmou que a Tenencia de Alcaldía agarda unha ampla asistencia ás actividades, non só aos múltiples concertos que ateigarán as prazas Horta do Seminario, Santa María e Mosqueira, senon tamén «a animación de rúa e as actividades nos barrios, buscando que todas as persoas que viven en Lugo ou nos visitan sintan que as festas do San Froilán son súas, que a nosa veciñanza se sinta orgullosa de ser de Lugo», afirmou Maite Ferreiro.
Tanxugueiras
Tanxugueiras é un trío de música tradicional galega formado por Aida Tarrío e as irmás Olaia e Sabela Maneiro que naceu no ano 2016. O seu estilo mestura a música tradicional con sonoridades contemporáneas como a electrónica ou o pop global cunha mensaxe de empoderamento feminino e defensa da cultura galega.
O seu impacto mediático chegou a todo o mundo coa súa candidatura ao Benidorm Fest en 2022 e o éxito de temas como “Terra”. Contan con varios premios como o Martín Códax da Música e o Premio Odeón e acumulan máis de 336 mil escoitantes mensuais en Spotify.
Xoel López
Xoel López é un dos artistas máis representativos do pop e indie español dos últimos vinte anos. Natural da Coruña comezou a súa carreira co proxecto Deluxe e dende 2012 actúa co seu nome propio cun estilo máis persoal que combina o rock o pop e elementos latinoamericanos As súas letras abordan temas de introspección viaxes ou crítica social. Conta con premios como o Mellor Álbum de Autor nos Premios da Música e máis de 304 mil escoitantes mensuais en Spotify.
Lia Kali
Lia Kali é unha cantante de Barcelona nacida en 1997 que se move entre o pop urbano, o trap, o rap e o R&B. Saltou á fama tras pasar polo programa La Voz e en 2023 lanzou o seu primeiro álbum Contra Todo Pronóstico, consolidándose como unha das voces máis destacadas da escena urbana en España. En 2025 lanzou o disco Kaelis co que superou os 47 millóns de reproducións e ten máis de 4’7 millóns de oíntes mensuais en Spotify.
El Consorcio
El Consorcio é un grupo vocal español formado por antigos membros de Mocedades como Amaya Estíbaliz Iñaki Uranga e outros cun repertorio centrado na canción melódica romántica e popular desde a súa fundación en 1993. Foron recoñecidos co Grammy Latino á Excelencia Musical e son un referente da canción clásica en lingua española.
Guadi Galego
Guadi Galego é unha das artistas máis importantes da música galega contemporánea. Comezou a súa carreira co grupo Berrogüetto e en 2009 iniciou unha traxectoria en solitario, na que leva explorando o folk a canción de autor e as músicas do mundo. As súas letras abordan a igualdade a identidade e a diversidade lingüística. Recibiu premios como o Martín Códax e o Premio á Promoción do Multilingüismo e conta con arredor de 30 mil escoitantes mensuais en Spotify.
Biznaga
Biznaga é unha banda madrileña de punk e rock urbano formada en 2012. O seu son está influenciado pola crítica social e pola escena underground co que se fixeron un nome no panorama estatal contan con catro álbums de estudo e actuacións destacadas en festivais e televisión pública española como La Revuelta. A súa música é directa e enérxica con letras que falan da precariedade da vida urbana e da desafección contemporánea. Actualmente teñen máis de 70 mil escoitantes mensuais en Spotify
Bala
Bala é un dúo galego de rock alternativo formado por Ánxela Baltar e Violeta Mosquera caracterizado pola súa mestura de grunge stoner e punk cun son intenso e cru. Desde 2015 publicaron tres discos e actuaron en festivais por toda Europa mantendo un estilo visual e musical moi propio e recoñecido dentro do rock alternativo. Contan con máis de 25 mil escoitantes mensuais en Spotify.
Vera Fauna
Vera Fauna é unha banda indie sevillana formada en 2015 que mestura folk pop psicodelia e influencias da música andaluza cun estilo reflexivo e lírico con moita carga emocional. Publicaron álbums como Dudas y flores e Los años mejores e participaron en festivais de referencia como o Mar de Músicas ou o Sonorama. Actualmente teñen máis de 73 mil escoitantes mensuais en Spotify.
Patáx
Patáx é un proxecto madrileño liderado polo percusionista Jorge Pérez que fusiona jazz, flamenco e ritmos afro-cubanos cun estilo innovador. A banda conta con músicos e bailaríns de alto nivel e destaca polas súas versións de Michael Jackson, The Beatles ou Stevie Wonder. Publicaron varios discos desde 2013 e teñen actuado en festivais internacionais por toda Europa, Asia e América. Acumulan máis de 24 millóns de visualizacións en YouTube e son unha das bandas de fusión máis recoñecidas do Estado.
Lucía Pérez
Lucía Pérez é unha cantante lucense coñecida por representar a España en Eurovisión no ano 2011 cunha traxectoria musical que mestura pop canción melódica e música galega. Actuou en numerosos festivais galas e eventos oficiais dentro e fóra de Galiza onde é unha figura recoñecida do panorama cultural. Conta con máis de 16 mil escoitantes mensuais en Spotify. Sacou o seu último tema hai unhas semanas e chámase Cabaliño de Lugo.