«Fuxan os Ventos» dará dous concertos no auditorio «Fuxan os Ventos».
Os concertos, que se celebrarán os días 5 e 8 de xuño no Auditorio Fuxan os Ventos, contarán coa participación especial de Faia e De Ninghures

O Concello de Lugo presentou esta mañá, no Auditorio Fuxan os Ventos, os concertos especiais que a histórica formación galega ofrecerá os días 5 de xuño ás 20.30 horas e o 8 de xuño ás 20.00 horas, nun espazo que simboliza a fonda pegada cultural do grupo na cidade. Os eventos contarán coa colaboración de dous destacados nomes da nova escena galega: Faia e De Ninghures.
No acto participaron o Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e membros de Fuxan os Ventos, que manifestaron a súa emoción por volver aos escenarios.
“É un orgullo para nós anunciar estes concertos aquí, no auditorio que leva o nome dun grupo que forma parte da alma cultural de Lugo e de Galiza. Fuxan os Ventos non é só música, é identidade, memoria e resistencia cultural”, destacou Rubén Arroxo.
Pola súa banda, Maite Ferreiro sinalou: “Desde a área de Cultura seguimos a traballar para que Lugo sexa referente da música galega. Estes concertos non só celebran unha traxectoria, senón tamén o relevo xeracional, coas voces de Faia e De Ninghures enriquecendo o escenario”.
Fuxan os Ventos, grupo fundado en 1972, foi unha das referencias máis importantes da música tradicional galega, cunha proposta que combinou compromiso social, recuperación do patrimonio oral e unha sonoridade que marcou época. Os concertos anunciados ofrecerán un repertorio coas súas cancións máis emblemáticas, ademais dalgunha sorpresa e colaboracións especiais.
“Volver a Lugo, á casa, e cantar neste auditorio é un soño. Queremos compartir co público todo o que esta música nos deu durante máis de cinco décadas”, comentou un dos membros históricos da banda.
ENTRADAS
As entradas sairán á venda este venres ás 16:00 horas na plataforma entradaslugo.es, cun prezo único de 10 euros. Tamén poderán mercarse na Oficina de Turismo e nas instalacións do Vello Cárcere.
A Tenencia de Alcaldía quixo facer un chamamento á veciñanza e ao público galego para que non perdan esta oportunidade única de revivir en directo unha parte esencial da historia da nosa música.