Presentouse en Caldiae Factoría Cultural, Praza Viana do Castelo 3-5, a nova agrupación musical Orquestra de Cámara Luguesa, que terá entre os seus obxectivos, achegar a Música Clásica aos espectadores dende dous puntos de vista: o artístico e o pedagóxico, ademais de promover o talento lucense e galego dando concertos de forma estable na sede desta ben chamada «factoría cultural» de Lugo (conta ademáis cos Codex Cinema e a Sala Tebras).
Cada trimestre haberá un concerto estrela ao que seguirán tres concertos, unha fin de semana cada mes, en distintos horarios para que o público que queira asistir poida escoller o que máis axeitado.
Estes tres concertos realizaranse por parte dos compoñentes da orquestra en formatos distintos, dende un cuarteto a calquera outro tipo de configuración.
O primeiro concerto terá lugar o vindeiro día 16 de febreiro ás 19:00 horas nas instalacións de Caldiae Factoría Cultural. Nel, a Orquestra de Cámara Luguesa interpretará as seguintes pezas:
– Rapsodia Galega; Xoán Montes
– Divertimento en RE; W.A. Mozart
– Suite a la Antigua; Andrés Gaos
– Danzas Rumanas; Bela Bartok
A Orquestra
A Orquestra de Cámara Luguesa xorde da necesidade de crear unha oferta musical e didáctica na provincia de Lugo, ante a escaseza de orquestras nas que os estudantes de música podan pór en práctica os coñecementos adquiridos.
Trátase dun proxecto cultural que irá máis aló de facer música, co que pretenden “que a xente se ‘enganche’ á música culta. Chegar a un maior número de público; público fiel”. Unha fidelidade que será premiada en Caldiae Factoría Cultural onde tamén se creará un Club de apoio á Orquestra no que cada membro do club recibirá, unha vez ao trimestre, un disco gravado pola Orquestra.
No acto estiveron presentes Eloi Caldeiro, director de Caldiae Factoría Cultural; Xan Carballal, director da Orquestra; Carmen Varela, violinista e profesora do Conservatorio Profesional de Música de Lugo e Manuel Fernández Gayol, concertino e profesor do Conservatorio de Fingoi.