Trece concertos coforman a Tempada 2021-2022 da Sociedade Filarmónica de Lugo, que se inaugura o sábado 25 de setembro.

O vindeiro sábado, 25 de setembro, a Sociedade Filarmónica de Lugo dará comezo á que será a súa tempada de concertos número 75: trece concertos programados de setembro a maio con orquestras, solistas e agrupacións de cámara de primeira fila traerán á nosa cidade a mellor música.

Ábrese a tempada co concerto que ofrecerá a Orqestra Vigo 430, dentro da xúa xira para o Xacobeo 2021-22. O programa inclúe a estrea da obra de Juan Durán Variacións sobre Rosa de Abril para piano e orquestra co pianista Antonio Queija, xunto a composicións de Dvorak, Bartók e Turina. O concerto será o sábado 25 de setembro, as 8 da tarde, no Círculo das Artes de Lugo.

Destaca a presenza, no ciclo de concertos, das tres grandes orquestras sinfónicas galegas: a Real Filharmonía de Galicia, con dúas datas (17 de decembro e 1 de abril), a Orquestra Sinfónica de Galicia (23 de febreiro) e a mencionada Orquestra Vigo 430 que tamén o fará en dúas ocasións (25 de setembro e 29 de xaneiro).

A conmemoración do 125 aniversario do pasamento de Johannes Brahms será outro dos fitos do 2022 que terá presenza ao longo da tempada en varias datas e principalmente nos dous concertos, coa integral dos seus cuartetos (19 de febreiro e 7 de maio), que ofrecerá o Cuarteto Quiroga, o cuarteto de corda máis internacional do noso país na actualidade.

Tamén solistas de gran prestixio internacional intervendrán na tempada, tanto con orquestras como en recitáis: o chelista alemán Nicolas Aldstaedt interpretará coa RFG o Concerto para chelo de Schumann, a extraordinaria violinista holandesa Rosanne Philippens dirixirá e actuará como solista no Concerto para violín de Brahms, o violinista francés David Grimal, o ruso Alexander Sitkovetsky e o violista ucraniano Maxim Rysanov serán outros dos solistas destacados.

O piano será o protagonista en dous recitáis. O primeiro o 10 de marzo a cargo de Alexei Petrov, o último gañador do Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo, e o 27 de abril con Judith Jáuregui, unha das pianistas máis recoñecidas dos últimos anos.

Terá tamén presencia a música de cámara en dúas datas moi especiales: o 23 de novembro o cuarteto Trifolum, grupo significado na interpretación historicista, cun concerto arredor da música do que fora algún tempo mestre de capela na Catedral lucense, o portugués Joao Pedro Almeida (1744-1817); e o 11 de decembro cun concerto extraordinario cos Cuartetos con piano de Mozart a cargo de catro excelsos solistas: a pianista Noelia Rodiles, Aitor Hevia (Cuarteto Quiroga), Lara Fernández (Cosmos Quartet) e Fernando Arias (Trío VibrArt)

Un lugar especial e sinalado terán na tempada os concertos protagonizados polo contratenor Christian Gil Borrelli, xunto á Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave (17 de decembro), e pola mezzosoprano islandesa Gudrún Ólafsdóttir acompañada polo Sonor Ensemble, unha das agrupacións españolas con maior proxección internacional e formada por músicos da Orquesta Nacional de España dirixidos polo mestre Luis Aguirre (29 de outubro).

ENTRADAS

Todos os concertos do ciclo serán no Círculo das Artes de Lugo ás 20:00 h

Debido ás limitacións de aforo impostas polas autoridades e as normas sanitarias para a prevención da Covid 19, para asistir aos concertos será necesario reservar as entradas no teléfono 982 230 805 ou no mail filarmonicadelugo@gmail.com

A Tempada de concertos da Sociedade Filarmónica de Lugo conta co apoio e patrocinio da Área de cultura da Vicepresidencia primeira da Diputacíón Provincial, da Concellería de Cultura do Concello de Lugo e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia xunto ao Xacobeo 2021-22, ademáis da colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, o diario El Progreso e Radio Lugo – Cadena SER.