Ciclo de concertos Tradición. En Clave Delas, con actuacións en Lugo, A Fonsagrada, Ribadeo, A Pastoriza e Chantada
O grupo de cámara Lucus Ensemble interpretará un repertorio que liga a música tradicional e a instrumentación sinfónica
A área de Cultura da Deputación de Lugo e a formación musical Lucus Ensemble presentaron o ciclo de concertos Tradición. En Clave Delas, que inclúe cinco actuacións ao aire libre en Lugo, A Fonsagrada, A Pastoriza, Ribadeo e Chantada durante as vindeiras semanas.
Con dez músicos e dúas voces, o grupo de cámara interpretará un repertorio propio, no que liga instrumentos tradicionais con outros do ámbito sinfónico para ofrecer un espectáculo “entretido, pensado para
ser tocado en exteriores e dar vida ás rúas e ás prazas”, segundo explicou o seu coordinador, Santiago Noriega.
A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro amosou a súa satisfacción por “sacar adiante un proxecto que tiñamos entre mans desde o primeiro trimestre do ano e que tivo que ser adiado e modificado polo impacto da Covid 19”.
Maite Ferreiro remarcou que “os concertos se levarán a cabo cumprindo cos protocolos establecidos polas autoridades sanitarias para previr os contaxios da Covid 19”. “Queremos seguir facendo cultura coidando a saúde das persoas, que é sempre o máis importante”, concluíu.
CONCERTOS
A Praza de San Marcos de Lugo acollerá este venres 4 de setembro o primeiro concerto desta xira, a partir das 19.30 horas. O recinto para o público estará delimitado e disporanse cadeiras para que as persoas asistentes poidan seguir a actuación gardando a distancia de seguridade e cumprindo coas limitacións de aforo para eventos en exteriores establecidas para a cidade de Lugo no DOGA, fixado en 150 persoas. O uso de máscara será obrigatorio e facilitarase xel hidroalcólico para a hixiene de mans.
Na Fonsagrada, a cita será o sábado 5 de setembro, ás 19:00 horas, na Praza do Concello. En Ribadeo, a actuación será o 13 de setembro no parque de San Francisco, ás 13.00 horas. O 26 de setembro, Lucus Ensemble actuará na Praza do Concello da Pastoriza, ás 18.00 horas. A xira pecharase o 17 de outubro en Chantada, no marco do Festival de Bandas de Música organizado pola Banda de Música de Chantada.