A iTERRA Night 2026 achegará o 25 de setembro, entre as 18.00 e as 22.00 horas, a investigación que se realiza dende o Instituto de Saúde Global e Desenvolvemento Sostible (iTERRA) do Campus Terra da USC á cidadanía a través dunha tarde de ciencia, experimentación e aprendizaxe para diferentes idades. A iniciativa desenvólvese no soto da Praza de Abastos lucense como evento asociado á European Researchers’ Night, unha iniciativa das Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA).
Roberto Bande, vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo; Marta López, directora do iTERRA; e Marta Miranda, directora do Campus Terra debullaron este luns 21 en rolda de prensa, os contidos que integran a iniciativa. Ao longo da xornada as persoas asistentes poderán participar en obradoiros e actividades prácticas relacionados co ADN, as células, a saúde animal, os microminerais, a alimentación, o solo, as árbores ou a fibra óptica, e coñecer de preto algunhas das liñas de investigación e divulgación que se desenvolven no Campus Terra. Na sesión, tamén interviñeron Silvia Colmenero Guzmán, concelleira de Industria e Mercados do Concello de Lugo, e o deputado provincial Pablo Rivera Capón.
A iTERRA Night nace no contexto da participación da Universidade de Santiago de Compostela en WONDER – Where Our Next Discoverers Research, unha proposta presentada á convocatoria europea MSCA & Citizens xunto con universidades e entidades de diferentes países da rede European Children’s Universities Network (EUCU.NET), sumándose así ás actividades que o 25 de setembro achegarán a ciencia e a investigación á cidadanía en toda Europa.






