XAN 2018 A arqueoloxía lucense ateigou este xoves o Salón de Actos do Vello Cárcere coa primeira conferencia do ciclo Desenterrar o Pasado. Felipe Arias Vilas inaugurou esta programación, organizada polo Concello para conmemorar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, co obxectivo de pór en valor o rico patrimonio arqueolóxico da cidade e a súa importancia dende o punto de vista histórico.

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, asistiu á primeira charla desta iniciativa, que permitirá desenvolver un foro de análise e de diálogo entre os profesionais do sector (arqueólogos, xestores patrimoniais e guías) e a cidadanía en xeral no que se enxalce o traballo desenvolto no referente á recuperación do importante patrimonio arqueolóxico que atesoura a cidade.

A programación deste ciclo, no que participan expertos en arqueoloxía de primeiro nivel, entre eles o arqueólogo municipal Enrique González e a anterior xefa de servizo, recén xubilada, Covadonga Carreño; consta de 9 conferencias de acceso libre e gratuíto, ata o mes de xuño,  que terán lugar ás 20:00horas, no auditorio do Vello Cárcere. A seguinte charla terá lugar o 22 de febreiro, a cargo de Antonio Rodríguez Colmenero. Versará sobre o inicio das escavacións arqueolóxicas e os aparcadoiros soterrados.

A programación é a seguinte:

25 de xaneiro: A Arqueoloxía Lucense ata 1986, por Felipe Arias Vilas.

22 de febreiro: O Inicio das Escavacións Arqueolóxicas. Os Aparcadoiros Soterrados, a cargo de Antonio Rodríguez Colmenero.

15 de marzo: A Configuración da Cidade Romana. A Peatonalización do casco histórico, a cargo de Covadonga Carreño Gascón.

22 de marzo:  A Casa dos Mosaicos, por Enrique González Fernández.

19 de abril: A Muralla de Lugo e a Arqueoloxía, a cargo de Enrique Alcorta Irastorza.

24 de maio. A Domus do Mitreo, por Celso Rodríguez Cao.

31 de maio: As Termas Romanas de Lugo, por Francisco M. HervésRaigoso.

7 de xuño: O Castro da Piringalla, a cargo de Roberto Bartolomé Abraira.

14 de xuño: A Xestión do Patrimonio Arqueolóxico na Cidade de Lugo, por Enrique González Fernández e Gonzalo Meijide Cameselle.