Actividades gratuítas de estilos urbanos nas prazas de Lugo.
Breakdance, slackline, obradoiros de rap, xogos e animación centran esta nova proposta de lecer alternativo e saudable para a mocidade lucense.
As sesións desenvolveranse os días 2, 9, 16 e 23 de xullo en distintos barrios da cidade, de 16:30 a 20:30 horas.

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas, pon en marcha unha nova actividade dentro do programa +XTi que levará deporte, música e ocio alternativo ás prazas da cidade todos os mércores de xullo. A iniciativa, denominada Estilos Urbanos +XTi, aposta por formatos innovadores e creativos que conectan coa mocidade e transforman o espazo público en punto de encontro e expresión.

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, salientou que “con propostas como esta queremos achegar o lecer aos espazos que a mocidade habita no seu día a día, ofrecendo contidos entretidos, útiles e con capacidade de sorprender”.

A actividade achegará disciplinas menos habituais no tempo libre xuvenil como o spickeball, o tchouckball, o slackline, o breakdance, o hip hop ou os obradoiros de rap, combinadas con xogos, animación e música en directo. Cada sesión celebrarase en horario de 16:30 a 20:30 horas, o 2 de xullo na Praza Agro do Rolo, o 9 de xullo en Augas Férreas, o 16 de xullo na Praza do Castiñeiro e o 23 de xullo na Praza de Roi Xordo (Praza Roxa).

As actividades están pensadas para facilitar a participación espontánea, sen inscrición previa, e están abertas á mocidade a partir dos 12 anos. A asistencia é libre por orde de chegada, fomentando así un ambiente distendido e accesible.